Calvo destaca o traballo da Policía Autonómica para garantir a seguridade da cidadanía

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, visitou esta mañá as dependencias da Xefatura da Policía Autonómica de Galicia en Santiago de Compostela e os demais departamentos da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior

A Xunta lembra a petición ao Goberno central para completar a plantilla deste corpo de seguridade, que se atopa actualmente ao 73%, tendo en conta o aumento das competencias como o reforzo da seguridade do Camiño de Santiago neste Xacobeo 21-22
 

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, realizou esta mañá unha visita ás dependencias da Xefatura da Policía Autonómica en Santiago de Compostela, na que tamén coñeceu os demais departamentos da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior relacionadas coa seguridade e a coordinación, o xogo e os espectáculos públicos e a planificación e protección civil. Na visita estivo acompañado polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva e o comisario xefe da Policía Autonómica, Jorge Rubal.

 

Tras un percorrido polas dependencias, Diego Calvo puxo en valor o traballo que está a realizar dende hai tres décadas a Policía Autonómica para velar pola seguridade dos galegos e galegas. Tamén incidiu no aumento das competencias dos axentes durante a pandemia do coronavirus ou para reforzar a seguridade e a protección dos Camiños de Santiago e a atención aos peregrinos neste segundo ano do Xacobeo 21-22 no que Galicia está a recibir un elevado número de visitantes.

Por iso, a Xunta reitera a petición ao Goberno central de aumentar o cadro de persoal da Policía Autonómica, que se atopa ao 73% con 366 dos 500 efectivos. Xunto coas súas funcións habituais en materia de seguridade, a Policía Autonómica encargase tamén da prevención e investigación de incendios, a protección de vítimas de violencia de xénero e menores, a loita contra o furtivismo e marisqueo ilegal, ou a protección do medio natural e do patrimonio cultural.

Imaxes relacionadas