A Xunta inviste máis de 80.000 euros na mellora de áreas cortalume e de pistas forestais na costa da morte para avanzar na prevención de incendios

As actuacións no distrito forestal V Fisterra céntranse en preto de 64 hectáreas dos montes dos concellos de Vimianzo, Mazaricos, Carnota e Muros, así como en 5 quilómetros de pistas

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2022.- A Consellería do Medio Rural está a investir máis de 80.000 euros na mellora de áreas cortalume e de pistas forestais na Costa da Morte, co obxecto de avanzar na prevención de incendios. As actuacións céntranse en zonas de alto risco de rexistrar lumes forestais dos concellos de Vimianzo, Mazaricos, Carnota e Muros, todos eles pertencentes ao distrito forestal V Fisterra.
 

En concreto, os traballos preventivos consisten na mellora de pistas forestais empregando motoniveladora, así como na roza das marxes dos camiños con rozadoira de brazo. O obxectivo é facilitar o acceso dos medios de prevención e extinción por estas vías e, ao tempo, evitar a propagación e diminuír o risco de incendios forestais.

 

Canto á mellora de áreas cortalume, estanse a executar limpezas mecanizadas do mato con buldócer. O seu fin é interromper a continuidade da vexetación naqueles lugares especialmente axeitados de cara a deter un posible incendio forestal e para protexer os principais valores naturais.

 

En cifras, os traballos que se están a levar a cabo roldan as 27 hectáreas de mellora de áreas cortalume. En relación ás pistas forestais, actuarase en preto de 37 hectáreas de faixas auxiliares e en 5 quilómetros deste tipo de vías.

 

Cabe engadir que os labores, localizados en montes de xestión pública, comezaron no monte de Tal, no concello de Muros, realizando mellora de pistas. Posteriormente, continuarán no monte de Bornalle, da parroquia muradá de Abelleira, tamén con mellora de pistas, ademais de roza de faixas auxiliares.

 

Os traballos enmárcanse no Plan preventivo da Consellería do Medio Rural. Cabe sinalar que a programación de 2022 vénse de aprobar no Consello da Xunta e contempla un investimento de 33,1 millóns de euros, para actuar en máis de 58.600 hectáreas do territorio e en case 5.800 quilómetros de pistas e outras vías de comunicación.

Departamento:
C. do Medio Rural