Mar Pereira sinala que a tecnoloxía debe estar presente na estratexia empresarial para poder competir no mercado dixital

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia participou hoxe no I Foro APD de Tecnoloxía e Negocio

A responsable autonómica sinalou que non se pode impulsar a tecnoloxía sen estratexia nin desenvolver unha estratexia sen tecnoloxía

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2022.-

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia recalcou hoxe a importancia de integrar a tecnoloxía na estratexia empresarial e nas organizacións así como a implicación da dirección no seu impulso, xa que é desde onde se produce o cambio que ten como panca a dixitalización. Mar Pereira participou esta mañá en Santiago na inauguración do Foro APD de Tecnoloxía e Negocio, no que se abordaron os retos das organizacións e a súa adaptación á tecnoloxía do dato, a Intelixencia Artificial ou o Blockchain.

 

A responsable da axencia autonómica recordou que España conta con más de 20.000 millóns de euros dos Fondos Europeos Next Generation e que seu departamento está a executar 37 proxectos por importe de 200 millóns de euros destes fondos. Neste sentido Mar Pereira lembrou que Galicia conta con tres estratexias no ámbito da dixitalización, a Estratexia Galicia Dixital 2030 que mobilizará 4.000 millóns de euros; a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, que mobilizará máis de 330 millóns de euros públicos da Xunta de Galicia no período 2021-2030; e o Marco Galego de Competencias Dixitais que ten como obxectivo que o 70% dos galegos teñan competencias dixitais básicas no 2025

 

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica destacou a importancia de coordinar a xestión dos fondos desde a cooperación entre administracións e co sector privado para configurar un contexto rexional dixital no que impulsemos a conectividade, a ciberseguridade, as competencias dixitais e a especialización tecnolóxica. En canto ao tecido empresarial sinalou que son fundamentais as axudas e o acompañamento para que as empresas adopten tecnoloxías de alto impacto como a Intelixencia Artificial, a tecnoloxía do dato ou o Blockchain.

 
 
 
 

Finalmente, Mar Pereira sinalou que é preciso perder o medo a competir nun mercado dixital e que para iso e chave contar cunha estratexia, a implicación da dirección, a capacitación do empregado e axudas para especialización en tecnoloxía.