Mañá remata o prazo para presentarse á convocatoria da Oferta Pública de Emprego da Xunta para cubrir 106 prazas fixas de médico especialista en atención primaria

Galicia é a primeira comunidade autónoma en empregar o sistema de selección por concurso de méritos para paliar o déficit de médicos

Nesta OPE poden participar os MIR que estean no último ano de formación na especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria

As novas prazas posuirán unha prestación de servizos mixta, ao combinar a atención sanitaria nos centros de saúde e nos Puntos de Atención Continuada (PAC)

O salario medio previsto con dúas gardas/mes e xornada ordinaria de luns a venres en quendas de mañá ou tarde ou deslizantes (mañá/tarde días alternos) será de 65.000 euros ao ano
 

Santiago de Compostela, 30 de maio 2022

Mañá martes, 31 de maio, remata o prazo para a presentación de solicitudes á Oferta Pública de Emprego realizada pola Xunta de 106 prazas de médico, na especialidade de atención primaria. Mediante esta OPE, cuxo proceso de selección se levará a cabo a través do sistema de concurso de méritos, Galicia convértese na primeira Comunidade en adoptar este sistema selectivo para captar médicos.

 

A convocatoria ten como obxectivo paliar o déficit de facultativos na atención primaria e dar resposta adecuada ás necesidades deste nivel, garantindo a continuidade asistencial con criterios de calidade e tendo en conta as dificultades excepcionais relacionadas coa escaseza de profesionais médicos de familia, así como as actuacións previstas no Plan galego de atención primaria 2019-2021, e a necesidade de establecer cambios na prestación asistencial e na ordenación dos recursos humanos dos equipos de atención primaria.

 

En relación ao número de prazas da OPE, 73 delas corresponden á quenda de acceso libre, seis resérvanse para o acceso de persoas con discapacidade e 27 á promoción interna. Así,poden participar neste procedemento todos aqueles MIR que estean no último ano de formación na especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria.

 

O salario medio previsto con dúas gardas/mes e xornada ordinaria de luns a venres en quendas de mañá ou tarde ou deslizantes (mañá/tarde días alternos), será de 65.000 euros ao ano.

 

Darase aos candidatos presentados unha puntuación adicional pola prestación de servizos en centros sanitarios illados.

 

Características

Entre as características das novas prazas é salientable o caracter mixto que posúen no referido á prestación de servizos, pois combinarán a atención sanitaria nos centros de saúde como nos Puntos de Atención Continuada (PAC).

 

As persoas que desexen tomar parte no proceso selectivo deben cubrir unha única solicitude de participación, no modelo normalizado, a través da Oficina Virtual do Profesional ( Fides/ expedient-e/Sección de Procesos/ OPE).

 

As persoas seleccionadas neste proceso, unha vez acrediten dous anos de permanencia na situación de servizo activo no desenvolvemento das funcións desta categoría, poderán participar, por promoción interna, nos procesos de selección fixa para o acceso ás categorías de persoal médico de familia, de urxencias hospitalarias ou persoal médico de hospitalización a domicilio, para as que habilita a mesma titulación de acceso.

 

Así mesmo, transcorrido un ano desde a toma de posesión poderán participar no concurso de traslados aberto e permanente para o acceso a outros destinos da mesma categoría, dentro do Servizo Galego de Saúde

Imaxes relacionadas