A unidade móbil de información para refuxiados ucraínos, impulsada pola Xunta, chega hoxe a Vilagarcía de Arousa

Estará situada na avenida da Marina, diante das antigas instalacións da Autoridade Portuaria

Ofrecerá información, asesoramento e axuda naqueles trámites necesarios para as persoas refuxiadas como a escolarización de menores, o acceso á sanidade ou cursos de competencias lingüísticas para a súa inserción no mundo laboral

Iniciou a súa ruta o pasado mes de abril e está a percorrer as sete cidades galegas e as localidades con máis poboación ucraína
 

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 30 de maio de 2022.-

A unidade móbil de información para refuxiados ucraínos, impulsada pola Xunta de Galicia, chega este luns a Vilagarcía de Arousa logo de percorrer distintas cidades galegas. O seu obxectivo é ofrecer asesoramento e axuda á poboación ucraína situada nas sete cidades e nas localidades que acollen un maior número de refuxiados.

 

En concreto, estará situada durante toda esta semana na avenida da Marina, diante das antigas instalacións da Autoridade Portuaria. Esta unidade conta cunha intérprete e unha traballadora social que ofrecerán asesoramento sobre todos os trámites que debe facer a poboación refuxiada, os servizos que teñen á súa disposición ou obter a condición de protección temporal.

 

Entre outras cuestións axudaralles a ter información sobre como obter a documentación sanitaria que lle permita acceder ao sistema público de saúde, como escolarizar aos seus fillos nun dos centros da comunidade, como beneficiarse dunha das 1400 prazas de acollida que Galicia puxo a disposición do Goberno central e como acceder a cursos de formación en competencias lingüísticas para facilitar a súa inserción no emprego.

 

Páxina web

O Goberno galego, coa colaboración da Cruz Vermella, puxo en marcha esta iniciativa para atender ás persoas que chegaron á nosa Comunidade fuxindo da guerra en Ucraína. Ademais, creouse a páxina web ucraina.cruzvermella.gal, onde se pode consultar información e a localización actualizada desta oficina itinerante. Tamén se pode chamar ao teléfono e whatsapp 604 044 018.