Miranda participa nos actos do Día das Letras Galegas organizados por Fagama na Casa de Galicia de Madrid

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, agradeceu a labor das entidades galegas do exterior en prol do galego e recordou que “é grazas a ese esforzo e amor pola lingua propia que a nosa cultura pervive entre as novas xeracións que xa naceron lonxe de Galicia”

Madrid, 28 de maio de 2022

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu hoxe aos actos organizados pola Federación de Asociaciones Galegas de Madrid (FAGAMA) co gallo do Día das Letras Galegas. Neste acto, Rodríguez Miranda agradeceu precisamente a labor desta agrupación de entidades en prol do galego e da cultura de Galicia, e destacou o traballo e esforzo realizado neste senso nos últimos anos, dadas as dificultades provocadas pola pandemia sanitaria.

Rodríguez Miranda quixo facer referencia a importancia do Día das Letras Galegas, recordando que “falar o galego, gozar da súa lectura e utilizalo entre os nosos é tamén unha riqueza que non debe ser esquecida e que debe ser promovida entre todos os que amamos a nosa terra”.

O secretario xeral da Emigración recordou aos presentes que “é grazas a ese amor pola lingua que manteñen e promoven as nosas entidades fora das nosas fronteiras que está a pervivir nosa cultura entre as novas xeracións que xa naceron lonxe de Galicia”.

O presidente de Fagama, Horacio Rico, deu a benvida ao acto a tódolos presentes. Pola súa banda, o capelán das colectividades galegas e xornalista, Andrés Ramos, introduciu a Charo Golmar, escritora encargada de ofrecer unha conferencia sobre a vida e obra do autor ao que se dedica o día este ano, Florencio Delgado Gurriarán.

Tamén estiveron presentes os representantes do Centro Gallego de Móstoles, do da Sierra de Madrid, de Tres Cantos, de Madrid, así como a Casa de Galicia en Alcorcón, a Casa Gallega de Fuenlarada, a Asociación Galega Corredor do Henares, Xuntanza de Galegos de Alcobendas, así como as asociacións sectoriais ASOMEGA, IURISGAMA, AEGAMA e a Asociación de Restauración e Turismo Xacobeo.

O acto finalizou con una actuación musical centrada na literatura galega a cargo dos artistas galegos “Antonio Barros &Ialma”.
 

Imaxes relacionadas