A Xunta ofrece ás familias 2.000 prazas nas residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño para o verán

O prazo para solicitar praza remata o vindeiro xoves 2 de xuño

O Goberno galego volveu ampliar o aforo destas instalacións logo de limitalo o ano pasado por mor da covid-19
 

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2022 A Xunta ofrece un total de 2000 prazas ás familias de Galicia para desfrutar do verán nas Residencias de Tempo Libre de Panxón (Nigrán) e O Carballiño. O Goberno galego duplicou este ano as prazas con respecto á convocatoria anterior para achegarlles ás galegas e galegos máis posibilidades nesta campaña estival.

O pasado ano o Goberno galego limitou o aforo nestas estadías por mor da covid-19. Este ano a situación epidemiolóxica permite recuperar os niveis de ocupación de anos anteriores para permitir que máis familias vivan unhas vacacións en familia nestas instalacións durante os meses de xullo, agosto e setembro. Cómpre ter en conta que o período para solicitar praza remata o 2 de xuño.

Ao igual que o ano pasado, as familias de especial consideración como as numerosas, as monoparentais, as acolledoras ou as vítimas de violencia machista terán prioridade no acceso a unha destas prazas. Ademais, a Xunta adiantou un mes a publicación desta convocatoria para darlle máis marxe ás familias para organizar as súas vacacións de verán.

As familias contarán con servizo de aloxamento e de comedor para poder desfrutar durante a súa estancia todas as comodidades mentres poden aproveitar o tempo de vacacións para fortalecer os lazos familiares e gozar de tempo de ocio e lecer. O prezo por persoa e día é de 37 en pensión completa, ao que se engaden descontos por nenos e familias de especial consideración como numerosas ou monoparentais, acolledoras ou vítimas de violencia machista.