A Xunta destaca o potencial da futura Lei da calidade alimentaria para impulsar no mercado os viños da Ribeira Sacra

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, asistiu aos actos da 26ª Cata organizada polo Consello Regulador

Animou a participar a primeira fin de semana de xuño nas Xornadas de Portas Abertas da Ruta do Viño desta denominación de orixe, promovidas pola Axencia de Turismo de Galicia

Pantón (Lugo), 27 de maiode 2022.-

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe durante a súa participación nos actos da XXVI Cata dos Viños da Ribeira Sacra a oportunidade que suporá a futura Lei da Calidade Alimentaria de Galicia para “impulsar e dar unha nova dimensión no mercado” á produción amparada por esta denominación de orixe.


Así, destacou que a nova Lei -que vén de iniciar a tramitación do seu anteproxecto- introduce novidades que poderán ser aproveitadas polo sector do viño, como a regulación dunha certificación de sustentabilidade que busca fomentar o respecto ao medio ambiente, a calidade e a seguridade alimentaria; a protección das persoas traballadoras e da cidadanía, así como unha renda adecuada para os diferentes elos da cadea de valor. Tamén se crearán dous órganos de consulta e participación do propio sector e potenciarase a compra ou contratación pública de produtos e servizos alimentarios cun impacto ambiental reducido.


Arias celebrou que despois de dous anos sen organizar a Cata polas limitacións da pandemia, o Consello Regulador da Denominación de Orixe da Ribeira Sacra a recupere este ano con 84 caldos pertencentes a 32 adegas. Tamén felicitou aos adegueiros e viticultores “polos bos resultados e recoñecementos que seguen colleitando grazas ao seu traballo e á capacidade de adaptación que amosaron durante os tempos máis difíciles da Covid-19”.


O delegado animou así mesmo a participar nas actividades que ofrece a undécima edición das Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños, promovidas pola Xunta a través da Axencia de Turismo de Galicia. Subliñou que a Ribeira Sacra acollerá a primeira fin de semana de xuño -do 3 ao 5este programa,“que inclúe múltiples propostas para que o público de todas as idades poida desfrutar da gastronomía e o patrimonio natural e cultural da zona”. O programa completo pode consultarse na páxina web www.rutasviñosgalicia.gal.

Imaxes relacionadas