O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, inaugurou a exhibición acompañado de representantes da entidade

O ciclo de exposicións ‘Retratos: familia e infancia’ inaugura unha nova mostra da man de Amino.gal

Os paneis informativos que a conforman recollen e destacan o traballo realizado a diario pola asociación contra o abuso e o maltrato infantil

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2022.- A Xunta inaugurou unha nova mostra dentro do ciclo de exposicións Retratos: Familia e Infancia centrada nesta ocasión en Amino.gal. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou neste acto que pon en valor o traballo realizado a diario pola entidade en contra o abuso e o maltrato infantil.

 

A mostra, situada na Pirámide do edificio administrativo de San Caetano, recolle imaxes dos integrantes da asociación, que se puxo en marcha en 2014 coa finalidade de sensibilizar á sociedade sobre o problema dos malos tratos na infancia, asesorar a profesionais e promocionar e desenvolver programas de defensa da infancia e adolescencia.

 

O director xeral sinalou que Galicia segue impulsando medidas que permiten protexer os intereses e o benestar da infancia. Como mostra disto puxo en valor a ampliación da rede autonómica de Puntos de Encontro Familiar (PEF), que está a realizar a Xunta de Galicia, ou o Programa de Integración Familiar (PIF), que permite romper dinámicas de deterioro familiar.

 

A experiencia de Amino neste eido é ampla e o seu traballo é recoñecido a nivel nacional, por iso foi a encargada de acoller o XV Congreso internacional sobre infancia maltratada, que se celebrou en Santiago de Compostela a comezos do mes de maio. O evento, que contou con máis de 300 relatores e profesionais do ámbito da infancia, púxose en marcha baixo o lema Caminando por el Buen trato: consolidando modelos de protección.

Imaxes relacionadas