A Xunta participa en Estonia nun encontro para coñecer o proceso de dixitalización deste país, á cabeza de Europa neste ámbito

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, Mar Pereira, forma parte da delegacion de responsables de dixitalización de diferentes comunidades autónomas

Ao longo de tres xornadas participarán en diferentes encontros para coñecer de preto as iniciativas de Estonia en ámbitos como o eGoberno, Ciberseguridade ou Big Data

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2022.- A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, participa xunto aos máximos responsables en materia de dixitalización de diferentes comunidades autónomas nun encontro de traballo en Estonia. Ao longo de tres xornadas asistirán a diferentes encontros nos que coñecerán de primeira man as iniciativas de dixitalización de Estonia, un país pioneiro en Europa nesta materia que conseguiu configurar un ecosistema dixital, eficiente, seguro e transparente.

 

Estas xornadas de traballo, que comezaron onte e se prolongarán ata mañá, ofrecerán tamén a oportunidade de establecer liñas de colaboración en materia innovación e tecnoloxía entre Estonia e as comunidades participantes. Nesta liña a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica avanzou que a Xunta incorporará ao seu novo Plan de Administración e Goberno Intelixente o desenvolvemento da identidade dixital da cidadanía, así como o impulso así mecanismos seguros de compartición de datos e a personalización dos servizos públicos.

 

O programa do encontro comeza onte cunha xornada centrada no eGoberno, na que explicarán as estratexias de Estonia para conseguir que os 99% dos servizos públicos do país sexan dixitais. A xestión do cambio e a formación en competencias son outra das claves da dixitalización de Estonia, que se abordará neste encontro.

 

Ademais, a os representantes autonómicos coñecerá en detalle o sistema de identificación estonio, o máis avanzado do mundo, que facilita o acceso dixital a todos os servizos electrónicos que ofrece a Administración deste país. O seguinte encontro está centrado na interoperabilidade de datos, na que explicarán o funcionamento da plataforma X-Road, que permite o que os diferentes sistemas de toda a Administración estonia se comuniquen entre sí.

 

Outro dos temas previstos no programa será a ciberseguridade, outro aspecto no que Estonia ocupa unha posición de liderazgo en Europa. Ademais, a delegación de responsables de dixitalización das comunidades autónomas tamén coñecerá iniciativas e big data móbil aplicado ao transporte e o turismo e a iniciativa HK Unicorn Squad, un clube de tecnoloxía para rapazas, no que se forman en enxeñaría, programación, robótica ou multimedia.

Imaxes relacionadas