Galicia activa un protocolo para a abordaxe dos casos de varíola do mono

Esta mesma mañá identificouse un caso sospeitoso, cuxa información se remitiu ao Centro de coordinación de alertas e emerxencias sanitarias

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2022 A Consellería de Sanidade vén de activar un protocolo para que todos os profesionais sanitarios de Galicia teñan claros os criterios para identificar posibles casos de varíola do mono. De feito, esta mesma mañá detectouse un caso sospeitoso, que xa se remitiu ao Centro de coordinación de alertas e emerxencias sanitarias do Goberno central.

 

Trátase dunha persoa, que non está hospitalizada, e que presenta clínica compatible coa definición de caso distribuída pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, á espera de recibir o protocolo definitivo por parte do Ministerio.

 

Desde que recibiu a alerta internacional sobre a varíola do mono, o martes pola tarde, Galicia está vixiante para poder identificar e confirmar, por medio de proba PCR enviada para a súa análise ao Instituto de saúde Carlos III, dos posibles casos desta enfermidade.

 

Neste sentido, remitiuse aos centros asistenciais galegos, tales como servizos de urxencias, o 061, ou centros de atención primaria, un primeiro protocolo elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, para que calquera profesional sanitario galego teña claro cales son os criterios para poder incluír un caso dentro desta alerta.