A Xunta licita a reposición integral do firme nas estradas PO-201 en Silleda e PO-960 en Vila de Cruces cun orzamento de 1,6 M€

O delegado territorial, Luis López, anunciou a apertura da fase de contratación de senllas actuacións, nun proxecto conxunto, nunha visita a ambas estradas nas Pedrosas e Gres xunto aos alcaldes Manuel Cuíña e Luis Taboada

A mellora na estrada Silleda-Laro rolda os oito quilómetros e inclúe o cambio da capa de rodadura, deteriorada polo tráfico e a meteoroloxía, e a limpeza das marxes

No treito entre Vila de Cruces e Ponte Ledesma actuarase en case 17 quilómetros e a obra complementarase coa substitución dos vellos sistemas de contención e o recrecido das cotas de rexistro
 

Silleda-Vila de Cruces, 20 de maio de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, licitou na xornada de hoxe a reposición integral do firme nas estradas autonómicas PO-201 ao seu paso polo Concello de Silleda e na PO-960 en Vila de Cruces cun orzamento de 1,6 millóns de euros.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou esta mañá a apertura da fase de contratación destas dúas actuacións, enmarcadas nun proxecto conxunto, nunha dobre visita a ambas estradas na rotonda das Pedrosas xunto ao alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, e no lugar de Gres na compaña do rexedor de Vila de Cruces, Luis Taboada.

 

“Levamos traballando preto de dous anos neste completo proxecto, que como se pode comprobar data de setembro de 2020, e agora tócalle saír adiante despois de que, neste tempo, resolveramos todas as cuestións previas de carácter administrativo, técnico e orzamentario”, sinalou o representante autonómico.

 

Luis López destacou que a Xunta “responde, cumpre os seus compromisos e atende as necesidades de mobilidade dos case 14.000 veciños de Silleda e Vila de Cruces que empregan estas vías fundamentais a diario”, ao tempo que pedíu desculpas polas posibles molestias e anunciou que haberá sinalización provisional durante os seis meses dos traballos.

 

A mellora da estrada PO-201 Silleda-Laro ten un orzamento de case 600.000 euros que se destinará ao fresado, reposición do firme, modernización das marcas viais e limpeza de marxes no treito correspondente entre os puntos quilométricos 0+000 e 7+840.

 

Pola súa banda, na vía PO-960 entre Vila de Cruces e Ponte Ledesma investirase máis dun millón de euros no fresado, cambio da capa de rodadura, marcas viais e sinalización, substitución dos vellos sistemas de contención e recrecido das cotas de rexistro entre os puntos quilométricos 16+910 e 32+710.

 

En ambos casos, e dado que o firme presenta certo grao de deterioro polas cargas de tráfico -1.170 vehículos diarios na PO-960 e 1.099 na PO-201-, a meteoroloxía e o envellecemento dos materiais, optouse por unha solución completa para a nova capa de rodadura cunha fonda capa de saburra, rego de imprimación e de adherencia e mestura bituminosa.

Imaxes relacionadas