A Xunta adxudica por máis de 120.000 € a redacción do proxecto construtivo de mellora do sistema de entrada á depuradora municipal de Monterroso

Trátase da primeira fase das intervencións necesarias para a mellora do sistema de saneamento e da depuración do municipio, de competencia municipal

Definirase a localización e dimensionamento do novo tanque de tormentas e analizaranse outras necesidades de ampliación da depuradora

A Xunta mantén o apoio aos concellos nos servizos de saneamento e depuración, de competencia municipal

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por máis de 120.000 euros a redacción do proxecto construtivo de mellora do sistema de saneamento de entrada á estación depuradora de augas residuais de Monterroso.

 

Este contrato, adxudicado á empresa Ain Active S.L., ten como obxectivo impulsar a mellora do sistema de saneamento e depuración municipal. Os traballos contan cun prazo de execución de 8 meses.

 

Trátase da redacción do proxecto construtivo para a execución dun tanque de tormentas e a modificación da infraestrutura de chegada das augas á depuradora, actuacións que forman parte da primeira fase das intervencións necesarias para a mellora do sistema de saneamento e da depuración municipal.

 

Con este contrato, o departamento que preside Ethel Vázquez atende á solicitude de colaboración do Concello, que é o responsable de prestar os servizos de depuración e saneamento. Augas de Galicia redactará o proxecto de construción destas actuacións e comprométese ao cofinanciamento futuro das obras.

 

O proxecto construtivo

A base para o desenvolvemento deste contrato susténtase na avaliación realizada polos técnicos de Augas de Galicia para resolver os problemas que presenta actualmente a depuradora, onde o caudal de auga tratada supera de modo relevante o caudal medio de deseño, e para mellorar o funcionamento do sistema de saneamento municipal.

 

Con todo, para unha definición máis detallada das actuacións previstas, faise necesaria a redacción deste proxecto construtivo, que permita definir con máis exactitude a localización e dimensionamento óptimo do tanque de tormentas, co obxectivo de garantir o mantemento dos obxectivos de calidade das augas.

 

Ademais, a redacción do proxecto construtivo fará posible analizar outras necesidades de ampliación da estación depuradora de augas residuais de Monterroso, como é a liña de lodos.

 

Este contrato conta coa financiación da Unión Europea, no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.