A Xunta realiza hoxe unha proba das cinco sirenas de aviso á poboación na presa de Eiras

A proba comezou ás 11,30 horas da mañá e as sirenas escoitáronse nos concellos de Fornelos de Montes, Ponte Caldelas, Soutomaior e Pontevedra, pero sen afectar á actividade diaria da veciñanza

O exercicio enmárcase no Plan de Emerxencia da presa de Eiras e pretende garantir a súa operatividade e que a poboación destas zonas recoñeza o son das sirenas de aviso de evacuación
 

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2022.-

A Xunta de Galicia realizou hoxe unha activación de proba das sirenas de aviso á poboación na presa de Eiras, no marco das actuacións de implantación do Plan de Emerxencia desta presa, situada no límite entre os concellos pontevedreses de Fornelos de Montes e Ponte Caldelas. 

 

Estas probas non afectan á actividade diaria dos veciños, polo que non deberán realizar ningunha acción especial ao escoitalas e poderán a continuar as súas atividades com normalidade. Con estas probas preténdese garantir a operatividade dos sistemas e que a poboación das zonas augas abaixo afectadas recoñeza o son das sirenas de aviso de evacuación. Neste caso, trátase de 5 sirenas de aviso adscritas ao Plan de Emerxencia da Presa de Eiras, situadas augas abaixo desta presa e que puideron escoitarse nos municipios de Fornelos de Montes, Ponte Caldelas, Soutomaior e Pontevedra.

 

O obxectivo dos Plans de esmerxencias de presas como o de Eiras, no que se enmarcan estas probas, é o de incrementar as garantías de seguridade que xa de por si ofrece a presa, analizando anticipadamente os problemas que puidesen presentarse e a forma de resolvelos. Dentro das medidas que establece o Plan, inclúese a instalación dunha rede de sirenas dentro da zona que afectaría unha potencial, aínda que improbable, rotura da presa.

 

Deste xeito, neste tipo de plans veñen definidas as estratexias para facer fronte a situacións que comporten risco de rotura ou avaría grave, coñecer as zonas que quedarían anegadas en caso de rotura, e ter previstos os sistemas de aviso tanto á poboación, como aos organismos xestores de emerxencias. Son plans que buscan estar o mellor preparados posible para situacións que comporten riscos nestas instalacións e, por tanto, garantir a seguridade dos cidadáns da contorna.

 

O exercicio comezou ás 11,30 horas da mañá e prolongouse durante unha hora. A proba levouse a cabo coa colaboración da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e de Augas de Galicia e nela participaron técnicos da Administración Hidráulica coa colaboración de membros de Protección Civil.

A poboación xa foi informada do contido do Plan de e das medidas de autoprotección previstas en caso de emerxencia nunha charla informativa realizada o pasado 26 de abril na localidade de Arcade, ademais da entrega de trípticos e carteis informativos en colaboración cos concellos.

A cidadania tamén pode informarse na sección de Plans de emerxencias de presas da páxina web de Augas de Galicia ou a través dos Concellos.

A Xunta destaca a importancia que teñen este tipo de exercicios, xa que dan a coñecer e preparan á veciñanza da zona as medidas de autoprotección a aplicar en caso de incidente, ademais da necessidade dunha coordinación efectiva entre as administracións e as empresas para garantir a seguridade na zona.