A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou en Noia a exposición itinerante que conmemora os máis de dez anos da iniciativa

A Xunta porá en marcha unha nova convocatoria do programa Xuventude Crea o vindeiro mes de xuño

O certame incluirá 14 categorías distintas nas que participar, que van desde artes plásticas, cociña e música, ata videocreación, novela curta ou deseño de xoias

A mostra estará durante un mes no Espaxo Xove para difundir o talento e a creatividade da mocidade galega

O Goberno galego está avanzando na creación dun museo dixital que sirva de escaparate dos proxectos que participaron no certame
Noia (A Coruña), 19 de maio de 2022

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia porá en marcha unha nova convocatoria do programa Xuventude Crea no vindeiro mes de xuño. Fíxoo na presentación da exposición itinerante Xuventude crea: máis dunha década, que conmemora os traballos premiados nesta iniciativa, que impulsa a creatividade, o enxeño e a innovación da xuventude galega.

 

Fabiola García explicou que con esta mostra procúrase dar a coñecer os proxectos das mozas e mozos para que sirvan tamén de referente a vindeiras xeracións. Ao longo do último ano a exhibición percorreu oito localidades de toda a Comunidade antes de recalar en Noia, onde permanecerá este mes.

 

Así mesmo, explicou que máis de 4000 mozas e mozos participaron no Xuventude Crea ao longo da súa historia. Este éxito de participación, engadiu, leva a Administración autonómica a avanzar nunha nova ferramenta que lle sirva de escaparate, un museo dixital que recollerá os proxectos e que moi pronto verá a luz.

 

Neste sentido, a conselleira de Política Social e Xuventude recordou que o Goberno galego ten un compromiso coa mozas e mozos de Galicia. Por iso, puxo en valor iniciativas, como o Xuventude Mentoring, que impulsan a súa formación e a inserción laboral; as axudas para o alugueiro ou para o carné de conducir, que favorecen a súa independencia; ou programas como Xuventude Crea, que loa o seu talento.

Imaxes relacionadas