A Xunta destaca na inauguración de Funergal o papel de Expourense na dinamización económica da provincia
O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou a 11ª Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios, que reúne hoxe e mañá a 65 expositores de sete países diferentes
O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, destacou hoxe na inauguración da 11ª Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios, Funergal 2022, o importante papel que xoga Expourense na dinamización económica da provincia de Ourense e de Galicia en xeral nun momento no que o tecido empresarial se enfronta a grandes retos.
Heredia sinalou que Funergal fomenta a competitividade e a actualización do sector, cunha ampla oferta de produtos e servizos adaptados ás necesidades dos distintos visitantes profesionais. O director xeral de Comercio e Consumo salientou así mesmo que este encontro se vai consolidando en cada edición, lembrando que ostenta o recoñecemento como feira internacional outorgado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.
Funergal 2022 conta coa participación de 65 expositores procedentes dun total de 7 países (Arxentina, Brasil, España, Italia, México, Polonia e Portugal) entre os que se inclúen empresas e asociacións do sector.