A Xunta recibe 8 ofertas para a execución de gabias de seguridade en 4 estradas autonómicas da comarca de Ferrol, que suporán un investimento de máis de 1,1 M€

As actuacións levaranse a cabo na vía de alta capacidade VG-1.2 Ares-Mugardos, na autovía AG-64 Ferrol-Vilalba e nas estradas autonómicas AC-563 e AC-564, en Cabanas e A Capela

Trátase de mellorar as condicións de circulación nestas estradas da Xunta que soportan un gran volume de tráfico rodado, sen realizar cambios de trazado

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2022.- A Xunta recibiu 8 ofertas de empresas para as obras de execución de gabias de seguridade en 4 estradas autonómicas da comarca de Ferrol, que suporán un investimento de máis de 1,1 M€.

Trátase dunha actuación de reforzo da seguridade viaria nas marxes das vías da Xunta que se levará a cabo, concretamente, na vía de alta capacidade VG-1.2 Ares-Mugardos ao seu paso por Fene; a autovía AG-64 Ferrol-Vilalba; e nas estradas autonómicas AC-563 e AC-564, en Cabanas e A Capela.

 

O obxectivo deste contrato é mellorar as condicións de circulación nestas estradas que soportan un gran volume de tráfico rodado, sen realizar cambios de trazado.

 

As obras consistirán na transformación das gabias profundas actuais noutras de seguridade para o que se adaptarán as arquetas e sumidoiros e se recolocarán as barreiras de seguridade.

 

Os traballos inclúen tamén a reconfiguración de illotes en glorietas, colocación de elementos de balizamento e renovación da sinalización vertical, rehabilitación do firme e repintado de marcas viarias.

 

Para a execución destas obras non será necesario o desvío do tráfico rodado nin se producirán afeccións sobre ningún servizo.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.