A Xunta ten escolarizados a 199 nenos e nenas ucraínos en centros educativos dunha trintena de concellos da provincia de Pontevedra

O delegado territorial, Luis López, acompañado pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, visitou aos 32 cativos matriculados no Colexio Plurilingüe San Narciso, que acolle ao maior grupo de toda a provincia

A escolarización, que comezou coa chegada do primeiro grupo o pasado 9 de marzo, tamén inclúe un seguimento individualizado para afrontar aspectos como o idioma e o seu estado emocional co obxectivo de favorecer a súa integración

“Galicia é un pobo solidario e acolledor e poñemos todos os nosos servizos públicos a disposición da xente de Ucrania e, especialmente, para os nenos, que son os que máis sofren os efectos desta guerra cruel e inxusta”, sinalou Luis López
 

Marín, 19 de maio de 2022.-

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade, ten escolarizados a 199 nenos e nenas ucraínos en centros educativos dunha trintena de concellos da provincia de Pontevedra para favorecer a súa integración e adaptación na súa condición de refuxiados pola guerra. Estes rapaces, con idades comprendidas entre os 3 e os 17 anos de idade, están matriculados en Educación Infantil, Primaria e Secundaria e Bacharelato.

A escolarización destes nenos na provincia de Pontevedra comezou o pasado 9 de marzo coa chegada dos primeiros grupos e foise incrementando progresivamente ata o pasado 11 de maio, data na que se rexistraron as derradeiras matrículas ata o momento. Todos eles están a recibir un seguimento individualizado para afrontar aspectos que poden presentar dificultades, como o idioma ou seu estado emocional, co obxectivo de favorecer e acelerar a súa integración académica e social.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou esta mañá ao maior grupo de alumnos ucraínos da provincia no CPR San Narciso de Marín, composto por 32 cativos, para coñecer a súa adaptación e a atención educativa que están a recibir ao longo das últimas semanas. O representante autonómico estivo acompañado pola alcaldesa, María Ramallo, e polo xefe territorial de Educación, César Pérez, así como doutros cargos municipais e persoal docente.

 

“Galicia é un pobo solidario e acolledor, algo inherente á nosa forma de ser e que se acrecentou pola acollida que tivemos en todo o mundo durante os anos máis duros da emigración. Por elo, e tamén con toda a humanidade posible, estamos a poñer todos os nosos servizos públicos a disposición dos refuxiados de Ucrania e, especialmente, dos máis cativos, que son os que máis sofren as consecuencias desta guerra cruel e inxusta que todos agardamos que remate canto antes”, sinalou o representante autonómico, que lles transmitíu unha mensaxe de ánimo en nome da Xunta e do pobo galego e lles garantíu que van contar co máximo apoio todo o tempo que sexa necesario.

Imaxes relacionadas