A Xunta abre o prazo para que as familias soliciten praza nos campamentos e nos campos de voluntariado de Verán Autonómicos

As persoas interesadas en participar nun campamento contan con sete días a partir de mañá, logo da súa publicación onte no DOG; e as que opten por campos de voluntariado poden consultar as bases na web de Xuventude

A Campaña de Verán deste ano 2022 ofrece 10.800 prazas, incrementándose en tres mil as prazas ofertadas o ano pasado e en mil as que había antes da pandemia

Santiago de Compostela, 17 de maio de 2022.- O prazo para que as familias soliciten praza tanto nos campamentos como nos campos de voluntariado de verán da Xunta de Galicia abre mañá mércores. No caso dos primeiros, o período de inscrición permanecerá aberto ata xoves 26 de maio, logo da súa publicación este luns no Diario Oficial de Galicia. A Campaña de Verán deste ano contempla dúas instalacións completamente novidosas en Xunqueira de Ambía e na Veiga que se suman ás xa existentes. As bases dos campos de voluntariado, pola súa banda, poderán consultarse na web xuventude.xunta.es.

 

A campaña de verán deste ano 2022 —que ten como lema O verán que queres contar— contará cun total de 10.800 prazas para os meses de xullo, agosto e setembro. Son tres mil máis que o ano pasado e mil máis que antes da pandemia, polo que se trata da maior oferta da historia que permitirá que a xuventude galega siga desfrutando dun verán cheo de experiencias ao tempo que as familias contan cun importante recurso de conciliación.

 

Nesta oferta de prazas inclúense 36 campamentos repartidos por toda a Comunidade para mozas e mozos de entre 9 e 17 anos; 45 campos de voluntariado —nove deles totalmente novidosos— dirixidos a maiores de idade ata os 30 anos; programas de intercambio bilateral con outras comunidades; minicampamentos ‘Coñece Galicia’ en establecementos turísticos para nenos e nenas de entre 10 e 14 anos; e estancias en instalacións xuvenís para entidades ou asociacións.

Páxina web de Xuventude

A presentación de solicitudes poderá facerse, preferiblemente, de xeito electrónico a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de maneira presencial en calquera rexistro ou mediante correo postal. A oferta de minicampamentos coñecerase nas vindeiras semanas logo da adxudicación das prazas en campamentos para poder atender ás solicitudes que quedaran sen praza nestes campamentos.

 

Coma cada ano, a oferta de campamentos de verán é inclusiva e aberta ás persoas con discapacidade que poderán decidir se presentarse polo procedemento xeral ou a través das prazas reservadas. Coma en cada edición, haberá ademais a posibilidade de optar a campamentos específicos para persoas con discapacidade de entre 11 e 50 anos. O prazo de solicitude para estes campamentos tamén abre mañá mércores ata o 3 de xuño.

Imaxes relacionadas