A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia a renovación da encomenda á empresa pública Seaga do control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas, cun investimento de máis de 2,2 M€

O novo contrato terá unha vixencia de 12 meses e impulsa a roza de vexetación no dominio público das vías da Xunta para a prevención de lumes, a mellora da visibilidade e o reforzo da seguridade viaria

Como novidade nesta nova encomenda inclúese a reposición de 7.500 metros de valado en vías de alta capacidade que se poida danar nos labores de roza, dispoñendo valado reforzado para unha maior protección fronte á entrada de animais

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2022.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a renovación da encomenda á empresa pública Seaga do control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas para a prevención de lumes e para o reforzo da seguridade viaria, cun investimento de máis de 2,2 millóns de euros.

 

Este novo contrato terá unha vixencia de doce meses e impulsa o despexe e roza de vexetación na zona de dominio público das estradas autonómicas. Ademais, tamén supón un apoio aos labores de conservación de zonas verdes en sendas peonís e glorietas. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://bit.ly/3weFKkE .

 

Por unha banda, estas actuacións contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Cómpre lembrar que a Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.

 

Por outra banda, o control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados retirarán árbores que poidan caer á calzada en caso de temporal e evitarán vexetación que invada as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Tamén serve para aumentar a visibilidade dos usuarios da estrada e consegue o efecto de alonxar aos animais, como xabarís ou corzos da estrada.

 

Como novidade na encomenda de 2022 está prevista a reposición de 7.500 metros de valado en vías de alta capacidade que se poida danar nos labores de despexe ou roza. A reposición realizarase con valado reforzado para aumentar a protección da estrada fronte á entrada de animais.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez intensificou nos últimos anos as accións de prevención de lumes nas marxes das estradas autonómicas, engadindo aos medios da súa conservación ordinaria un reforzo con encomendas á empresa pública Seaga.

 

A nova encomenda prolonga os traballos que se veñen desenvolvendo para a limpeza e despexe das marxes das estradas autonómicas. As tarefas desenvolvidas entre maio do ano pasado e ata abril de 2022 na rede de estradas da Xunta das catro provincias galegas permitiron rozar máis de 7.500 km2 e eliminar do dominio público de estradas vexetación susceptible de provocar lumes ou que supoñía un risco de caída na calzada.

 

Este contrato tamén posibilitará dar cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das estradas.

 

Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 lévanse investidos 8,3 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.

Imaxes relacionadas