A Xunta investirá preto de 1 M€ nas obras da 1ª fase de acondicionamento da estrada autonómica PO-546 en Estribela, no concello de Pontevedra

A actuación, que ten como obxectivo reforzar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade peonil e o acceso ao transporte público, permitirá a ampliación das beirarrúas a un mínimo de 2 metros e anchear puntualmente a vía

Instalaranse novas luminarias, habilitaranse 3 pasos de peóns sobreelevados con iluminación intelixente e renovaranse os refuxios de autobús

A Consellería de Infraestruturas licitará as obras no segundo semestre deste ano, co obxectivo de comezalas no primeiro semestre de 2023

Xunta impulsa unha transformación integral da PO-546 como eixo de mobilidade sostible, con accións tamén entre Mollabao e Os Praceres e desde o final da 1ª fase en Estribela ata a rúa Concepción Arenal, en Marín
 

 Santiago de Compostela, 16 de maio de 2022 A Xunta investirá preto de 1 millón de euros na execución das obras da primeira fase de acondicionamento da estrada autonómica PO-546, en Estribela, no concello de Pontevedra. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar esta actuación.

 

O Consello da Xunta autorizou o pasado 5 de maio o decreto expropiatorio para impulsar esta intervención nesta vía da Xunta, máis coñecida como a estrada vella de Marín, cuxo obxectivo é reforzar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade peonil e o acceso ao transporte público nun treito de preto de 500 metros da PO-546. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información:https://bit.ly/3MkASzQ .

 

A intervención forma parte dun conxunto de actuacións que impulsa a Xunta e que permitirán conformar un eixo para a mobilidade sustentable entre Pontevedra e Marín, apoiado nesta estrada autonómica.

 

Máis en detalle, levarase a cabo a reurbanización completa da estrada, no treito situado entre os puntos quilométricos 4+400 e o 4+890 da vía autonómica, no que se transformará a súa configuración na procura dun maior calmado de tráfico, dándolle maior protagonismo aos peóns fronte aos vehículos.

 

A transformación deste treito de estrada, no que se mantén o dobre sentido de circulación e se ten en conta a limitada sección actual da vía, obriga á ampliación da plataforma mediante a execución de estruturas de diferente tipoloxía, en función do punto do que se trate.

 

Así, entre as actuacións que se executarán inclúese a modificación da sección transversal da estrada para ampliar as beirarrúas ata un mínimo de 2 metros co obxectivo de favorecer os desprazamentos a pé dos veciños e gañar accesibilidade.

 

Con respecto a intervención de ampliación da plataforma neste treito da PO-546, esta exixe executar actuacións complementarias complexas, pola configuración das marxes da propia estrada, que rexistra fortes desniveis, para o que se desenvolverá unha estrutura en voadizo, un recheo, un muro de contención e a demolición de varias edificacións en ruína.

 

Máis en concreto, pola marxe dereita da estrada, do punto quilométrico 4+515 ao 4+540, executarase unha estrutura en voadizo apoiada sobre a propia plataforma da estrada, que estará composta por unha lousa de formigón de 5 metros de ancho dos cales 1,80 metros son transitables. E do punto 4+615 ao 4+665 construirase un muro de contención de terras de coieira.

 

As obras inclúen, ademais, a mellora da iluminación, coa disposición de novas luminarias, e a habilitación de 3 pasos de peóns sobreelevados, con iluminación específica e sistema intelixente, que detecten ao cidadán nas inmediacións do paso, activando elementos de sinalización. Tamén se mellorarán as paradas de bus, incluíndo a renovación dos refuxios.

 

As actuacións completaranse co fresado e estendido do firme, a reposición da drenaxe e dos servizos afectados e a sinalización das marcas viarias.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitarás as obras e convocará o levantamento de actas previas das expropiacións no segundo semestre deste ano, co obxectivo de comezar os traballos no primeiro semestre de 2023. A actuación ten un prazo de execución de 12 meses.

 

Esta intervención será financiada con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resilencia, do programa Next Generation UE.

 
Eixo de mobilidade sostible

O departamento de Infraestruturas da Xunta está a promover unha transformación integral da estrada PO-546, que se corresponde coa vella estrada de comunicación entre Marín e Pontevedra.

 

Na actualidade a funcionalidade da mobilidade interurbana para automóbiles canalízase fundamentalmente a través das estradas PO-11 e PO-12, que discorren pola ribeira do mar. En consecuencia, é posible formular unha proposta de actuación que permita, mellorar a funcionalidade da estrada PO-546, entre Mollabao, no concello de Pontevedra, e Marín, orientándoa ao tránsito de peóns, ciclistas e transporte público.

 

A Xunta, ademais da intervención obxecto do acordo de hoxe, promoverá dúas novas actuacións nesta vía de titularidade autonómica.

 

Dunha banda, proponse actuar no treito da PO-546, entre Mollabao e  Os Praceres, acondicionando e ampliando a plataforma da estrada, de modo que na maior parte do percorrido se habilitará pola súa marxe dereita un espazo peonil e outro ciclista bidireccional.

 

Nesta intervención, nas zonas con presenza de vivendas, executarase unha beirarrúa peonil na marxe esquerda da estrada e melloraranse todas as paradas de transporte público ao longo do treito de actuación, favorecendo así a mobilidade en autobús entre Marín e Pontevedra. Tamén se renovará a iluminación e reporanse os servizos afectados pola execución das obras.

 

Doutra banda, prevese executar a transformación da estrada PO-546 tamén entre Estribela e rúa Concepción Areal. Trátase de completar os treitos entre o final da actuación da 1ª fase en Estribela e o límite municipal co concello de Marín, así como o treito da estrada denominado rúa Concepción Arenal nese municipio que resta por humanizar, entre a rotonda das Áncoras e o Parque Eguren, tras as actuacións executadas nos últimos anos en colaboración entre a Xunta e o Concello.

 

Ambos os treitos executaranse de modo coherente coas actuacións proxectadas e executadas, obténdose como resultado final una estrada completamente transformada, humanizada, con protagonismo especial para o peón e o transporte público, en detrimento do vehículo privado.