A Xunta realiza actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de tres ríos no concello de Redondela

Augas de Galicia leva a cabo estas actuacións nos ríos Pexegueiro, Fondón e Chapela

Os traballos enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial de inundacións
 

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de tres ríos no concello de Redondela.

 

Os traballos desenvólvense, concretamente, nos ríos Pexegueiro, Fondón, e Chapela, ao seu paso polo municipio. Estes labores forman parte das intervencións de mantemento que leva a cabo Augas de Galicia nas áreas con risco potencial significativo de inundacións.

 

Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude de máis de 2,5 km. As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos.

 

Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

 

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-sur e nas súas zonas de acceso e protección.

 

Estas intervencións contribuirán á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.

Imaxes relacionadas