A Xunta pide o esforzo dos concellos na adopción de medidas de aforro e no uso responsable da auga ante a situación de prealerta por seca na Demarcación Galicia-Costa

A Oficina Técnica da Seca acordou o pasado venres manter o estado de prealerta ao empeorar os índices en toda a Demarcación, pero sen chegar aos limiares previstos para a declaración do estado de alerta

As reservas de auga nos encoros de abastecemento están en situación de normalidade, pero os caudais fluíntes son baixos e as achegas aos embalses atópanse por debaixo da metade da media para esta época do ano
 

 

 Santiago de Compostela, 13 de maio de 2022 A Xunta pide o esforzo dos concellos na adopción de medidas de aforro e do uso responsable da auga ante a situación de prealerta por seca na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.
 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, remitiu hoxe cartas aos municipios co fin de informalos da situación de prealerta que a Oficina Técnica da Seca acordou manter o pasado venres e solicitarlles a adopción das medidas anticipatorias que consideren oportunas para evitar problemas no abastecemento.

 

Nas misivas indícase que o mantemento deste estado de prealerta por seca se debe a que os índices de estado empeoran en toda a Demarcación, pero sen chegar aos limiares previstos para a declaración do estado de alerta.

 

Augas de Galicia sinala como factor favorable que as reservas de auga nos encoros de abastecemento están en situación de normalidade, aínda que os caudais seguen a ser baixos e as achegas atópanse por debaixo da metade das medias para esta época do ano.

A Xunta advirte de que ao estar entrando na época de maior demanda de auga na Demarcación, que se produce entre os meses de xuño e de setembro, é preciso adoptar medidas de aforro e uso responsable deste recurso.

Así, nas cartas remitidas achéganse suxestións aos concellos, responsables do abastecemento, como: reducir regos de xardíns e utilizar técnicas máis eficientes, revisar instalacións, reducir as presións das redes polas noites, restrinxir a renovación de auga de piscinas, facer un uso eficiente da auga no lavado de coches e minimizar o baldeo de rúas.

 

Por outra parte, a Xunta lembra que as administracións públicas responsables de sistemas de abastecemento urbano que atendan unha poboación igual ou superior a 20.000 habitantes teñen a obriga de contar cun Plan Municipal de Emerxencia ante Situacións de Seca.

 

Neste sentido, a aqueles concellos que non dispoñen desta ferramenta, a pesar da súa obrigatoriedade, Augas de Galicia recórdalles que a Xunta vén convocando de xeito anual subvencións para o financiamento de ata o 80% do custo da redacción destes programas.

 

En relación aos municipios, que atendendo aos criterios de poboación anteriormente mencionados non están obrigados a contar co plan, Augas de Galicia fai fincapé na importancia de contar igualmente con este instrumento de xestión.

Imaxes relacionadas