A mellora da clasificación microbiolóxica de tres zonas de produción de moluscos de Galicia facilitará o labor das confrarías de Ferrol, Barallobre e Miño

Dúas desas áreas de traballo pasan de ser zona C, que require enviar o marisco a depuración natural mediante reinstalación en batea, a ser zona B, o que facilita a súa posta no mercado tras o paso por unha depuradora

Outra área pasa de ser zona B/C estacional a ser zona B estable, co que os cambios nos tres casos deberían contribuír a que o recurso acade mellores prezos de venda

Estas melloras afectan a unha superficie de máis de 1.100.000 metros cadrados de nove bancos marisqueiros e axilizarán o traballo do sector das zonas afectadas ao reducir os prazos de depuración dos produtos extraídos
 

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2022

A mellora dos resultados obtidos nos controis que realiza periodicamente o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), dependente da Consellería do Mar, nas zonas de produción de moluscos bivalvos da comunidade permitiu que desde esta semana tres desas áreas produtivas teñan unha mellor clasificación microbiolóxica, o que facilitará o labor das confrarías de Ferrol, Barallobre e Miño.  

As análises realizadas nestas zonas de traballo revelaron de xeito continuado unha menor presenza da bacteria E. Coli que na súa anterior clasificación, o que permitiu cambiar a súa catalogación mediante unha resolución publicada polo Intecmar o pasado luns. As melloras supoñen que dúas zonas de produción marisqueira que tiñan clasificación C -co que o produto debía pasar por un proceso de depuración natural mediante reinstalación en batea antes da súa comercialización- pasan a ser B, co que os recursos extraídos teñen que pasar por un proceso de depuración previo á súa venda.

A elas engádese outra zona marisqueira que estaba catalogada como B/C estacional e agora pasa a ser zona B estable. A mellora da clasificación microbiolóxica destas tres zonas afecta a nove bancos marisqueiros e a máis de 1.100.000 metros cadrados de superficie nos que traballan as confraría de Ferrol, Barallobre e Miño.

Estes cambios, froito da mellora da calidade das augas, facilitarán o traballo das mariscadoras e mariscadores ao reducir os prazos de depuración dos produtos extraídos e deberían redundar nun mellor prezo das súas capturas.

As zonas que pasaron de estar clasificadas como C a ser zona B son as enseadas de Cabana-A Malata, en Ferrol, e a parte interna do esteiro do río Mandeo. Mentres, a área que pasa de ser zona B/C estacional a B é a parte media do esteiro do río Mandeo.

O traballo de seguimento constante dos bancos marisqueiros que fai a Xunta a través do Intecmar permite coñecer o seu estado e ver o xeito de mellorar a súa produción polo que estas melloras na clasificación son froito das actuacións para mellorar o saneamento das rías e a calidade das augas.

Estas melloras facilitarán o traballo dos profesionais do marisqueo das zonas afectadas e súmanse ao resto de áreas que xa melloraron a súa clasificación nos últimos anos. Desde 2009 ata maio deste ano houbo unha mellora en 34 zonas de produción de moluscos bivalvos , 10 correspóndense con polígonos de bateas (con 848 viveiros beneficiados) e 24 son zonas de moluscos infaunais, con 141 bancos marisqueiros beneficiados e unha superficie estimada de máis de 14,8 millóns de metros cadrados.

Imaxes relacionadas