A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, o delegado territorial da Xunta e o alcalde supervisaron as actuacións da Administración autonómica no municipio

A Xunta colabora co concello de Pantón na mellora de inmobles e equipamentos públicos cun investimento de 540.000 €

A Consellería de Medio Ambiente e a Administración local destinaron 260.000 € á creación dun paseo peonil na contorna do mosteiro das Bernardas, unha actuación rematada recentemente

Ángeles Vázquez lembra que o Concello acaba de acceder a unha axuda de 160.000 € para rehabilitar un inmoble municipal no que se habilitarán catro vivendas sociais
 

Pantón (Lugo), 13 de maio de 2022.-

A Xunta de Galicia e o Concello de Pantón están a colaborar en varios proxectos, que suman 540.000 euros de investimento entre ambas administracións, para mellorar inmobles e equipamentos públicos do municipio.

 

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo alcalde, José Luis Álvarez, visitou recentemente o concello, onde revisou as actuacións que contan co apoio da Administración autonómica.

 

Por unha banda, a conselleira coñeceu o paseo peonil creado na contorna do mosteiro das Bernardas, que xa une o núcleo de Ferreira co do Curro. Con este proxecto, cun orzamento de case 260.000 euros, conseguiuse o acondicionamento dun tramo de 100 metros da antiga N-120, que carecía de beirarrúas e no que, sobre todo, mellorouse a seguridade para veciños e visitantes.

 

Ademais, aproveitouse para repoñer un muro de pedra existente e dar así continuidade á estética dos demais lindeiros da zona, ademais de achegar visibilidade á curva da calzada.

 

A poucos metros, na mesma rúa das Bernardas, a conselleira lembrou que tamén se prevé a rehabilitación dun inmoble no que se habilitarán catro vivendas sociais, que serán adxudicadas a outras tantas familias en réxime de alugueiro.

 

Este proxecto sae adiante —salientou a conselleira— grazas ao interese do Concello, que decidiu solicitar unha axuda ao abeiro da convocatoria de 2022 do programa para a rehabilitación de vivendas de titularidade municipal e se resolveu coa concesión dunha subvención de 160.000 euros a Pantón.

 
Accesos ao balneario en xuño

A conselleira sinalou que os proxectos na contorna do mosteiro das Bernardas non son os únicos que se levarán a cabo neste concello, e adiantou que o vindeiro mes de xuño se iniciarán as obras da actuación urbanística para humanizar os accesos ao balneario e á fonte de Augas Santas, cun investimento de 113.000 euros e enmarcado no plan Hurbe.

 

A actuación consistirá na construción dunha beiravía peonil de acceso ao balneario que o comunique coa praza do mesmo nome, situada a uns 500 metros e na que se localiza unha fonte. Tamén se cambiará a iluminación, reporanse dous sinais de madeira ao inicio e ao final do traxecto e instalarase un paso de peóns elevado.

 

Por último, cómpre lembrar que o Concello mellorará o aspecto dunha nave de usos múltiples ao abeiro do programa de apoio ás entidades locais para instaurar o fermosismo, grazas a unha achega da Xunta de 20.000 euros.

Imaxes relacionadas