A Xunta destaca a boa marcha das exportacións galegas como signo da mellora competitiva do tecido empresarial e avoga pola dixitalización e a innovación como pancas de crecemento

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou na apertura da XL Asemblea da Asociación Española de Factoring celebrada na Coruña, onde destacou a capacidade do tecido produtivo galego de afrontar os retos e desafíos que ofrece o contexto económico actual

Resalta a importancia de sectores como o factoring e o confirming, que representan preto do 90% do financiamento do circulante declarado en España, e lembra que este ano destinaranse 60 millóns á nova liña de reaval que dará resposta ás dificultades económicas que están a atravesar as pemes máis afectadas no actual contexto económico

A Coruña, 12 de maio de 2022

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe na Coruña na apertura da XL Asemblea da Asociación Española de Factoring, un escenario no que puxo en valor a boa marcha das exportacións galegas como signo da mellora competitiva do tecido empresarial galego, e onde avogou tamén pola dixitalización e a innovación como pancas de crecemento no actual contexto económico.

Así, e no tocante ás vendas ao exterior, Guldrís sinalou que os rexistros históricos acadados no último ano amosan “unha Galicia empresarial que ten sabido adaptarse aos tempos poñendo as miras máis alá”. Un marco no que lembrou que durante o último ano a Comunidade aumentou as súas vendas ao exterior nun 21,2% ata superar, por primeira vez, os 25.000 millóns de euros.

Sobre esta base, Guldrís avogou por reforzar a cooperación público-privada na procura de identificar novos retos e cumprir cos obxectivos marcados e, neste senso, resaltou a importancia de sectores como o factoring e o confirming, que representan preto do 90% do financiamento do circulante declarado en España.

Neste marco, sinalou, a Xunta vén de asinar un convenio coas Sociedades de Garantía Recíproca (SGR) e entidades financeiras, que permite avalar operacións por un máximo de 80 M€.  A previsión é que ata 60 millóns de euros se destinen a esta nova liña de reaval que dará resposta ás dificultades económicas que están a atravesar as pemes máis afectadas no actual contexto económico. 

Guldrís resaltou a necesidade de seguir traballando para superar os problemas conxunturais que atinxen a economía -máis se cabe tras a invasión rusa de Ucraína-, entre os que citou a inflación, os custos enerxéticos, o encarecemento do transporte internacional ou o das materias primas.

Para afrontar estes desafíos, detallou, Galicia conta cos orzamentos máis altos da súa historia; co Plan Estratéxico de Galicia ata 2030; a Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; e os fondos europeos Next Generation.

Un fondos sobre os que, afondou, estase a facer un importante traballo da man do tecido empresarial e dos axentes económicos e sociais para presentar “proxectos sólidos” como a Cidade das TIC, que fará da Coruña un polo tecnolóxico e de innovación dixital de referencia.