O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou no acto de clausura da xornada ‘A realidade do paciente neurolóxico’, organizada pola entidade

A Xunta pon en valor o traballo da Fundación Neuroburgas na atención ás persoas con enfermidades neurolóxicas

Lembra que o Goberno galego está a traballar nun plan de choque á dependencia que permita a creación de vías preferentes para que as persoas con doenzas graves reciban atención o antes posible

Ourense, 12 de maio de 2022.-

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou na clausura das xornadas ‘A realidade do paciente neurolóxico’ organizada pola Fundación Neuroburgas na cidade de Ourense. Durante a súa intervención puxo en valor o traballo do tecido social galego, e en especial desta entidade, na atención especializada e individualizada das persoas con enfermidades neurolóxicas.

 

O director xeral lembrou que a Xunta está a traballar nun plan de choque de atención á dependencia que permita reducir á metade tanto os tempos de espera para a valoración de dependencia como o papelame que leva consigo. Deste xeito, apuntou, as persoas que precisen de atención continuada e especializada reciben estes coidados o antes posible.

 

Antón Acevedo concretou que este proxecto contempla, entre outros aspectos, unha simplificación normativa e administrativa, a redefinición do Programa Individual de Atención (PIA), a axilización das valoracións e a creación de novas vías preferentes para que aquelas persoas con doenzas graves teñan preferencias no sistema de atención.

 

Ademais, inclúe medidas para axilizar e facilitar o traballo dos profesionais públicos que valoran a dependencia, como crear novos centros de valoración; equipos de valoradores itinerantes, unha medida que xa se está a aplicar na provincia de Ourense; optimizar as rutas que seguen os valoradores a domicilio; mellorar o modelo de xestión de citas; e poñer en marcha novos equipos de valoración.

 

Imaxes relacionadas