A Xunta recibe 5 ofertas para a instalación de 43 novas marquesiñas de autobús nas estradas autonómicas das catro provincias, cun investimento de máis de 250.000 €

Os novos refuxios instalaranse en estradas da rede viaria da Xunta ao seu paso por 32 municipios

Avánzase así na renovación das marquesiñas do transporte público da Xunta, tras formalizarse xa o contrato para a fabricación e subministro de 200 dos novos refuxios cun investimento de máis de 1 M€

A instalación do resto dos refuxios realizarase no marco de diferentes obras de seguridade viaria ou está a ser asumida directamente polos concellos solicitantes

Esta actuación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade súmase á primeira fase, impulsada en 2018, mediante a que xa se instalaron 152 refuxios, con deseños para ámbitos urbanos ou rurais, en diferentes concellos de Galicia
 

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2022.-

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu 5 ofertas de empresas para a instalación de 43 novas marquesiñas de transporte público nas marxes da rede de estradas autonómicas das catro provincias, que suporá un investimento de máis de 250.000 euros.

 

Trátase da instalación de novos refuxios cun deseño integrado nas contornas rurais que se distribuirán ao longo das vías autonómicas ao seu paso por un total de 32 municipios.

 

Mediante este contrato a Dirección Xeral de Mobilidade disporá dos servizos necesarios para a instalación destes novos refuxios nas marxes das estradas autonómicas.

 

A instalación de novos refuxios realizarase en terreos de dominio público viario, en zonas que contan coas autorizacións pertinentes e co compromiso dos concellos de asumir o seu posterior mantemento.

 

Os traballos para a instalación das novas marquesiñas nas marxes das estradas autonómicas céntranse no ámbito concreto do punto de localización definido pola Xunta, estimándose o orzamento medio da instalación de cada refuxio nuns 4.500 euros.

 

A Xunta segue a impulsar a renovación de novas marquesiñas de transporte público, tras formalizarse tamén o servizo para a fabricación e o subministro de 200 dos novos refuxios, cun investimento autonómico de máis de 1 millón de euros.

 

A medida que se vai dispoñendo dos novos refuxios en fabricación, estes son instalados no marco de diferentes obras de seguridade viaria e, outros están a ser entregados aos concellos para a súa colocación.

 
 

O obxectivo é dotar de instalacións axeitadas as paradas das liñas dos servizos de transporte interurbano de viaxeiros por estrada que ofrezan ao usuario unha protección fronte ás inclemencias meteorolóxicas e melloren a comodidade durante a espera.

 

As marquesiñas contan cun deseño integrado na paisaxe, incluíndo materiais autóctonos como a madeira.

 

O detalle do contrato

O contrato para a instalación dos refuxios inclúe a colocación da marquesiña, a execución da soleira cando é necesario e a súa adaptación de pendentes enlazando co pavimento existente, para mellorar a accesibilidade.

 

Tamén comprende as tarefas de reposición da drenaxe lonxitudinal da estrada, a reposición de accesos cando é necesario, a  execución de pequenos muros cando hai desnivel, e o ensanche puntual da beirarrúa cando non se poden cumprir as condicións necesarias de accesibilidade. Tamén se inclúe a colocación do sinal de “BUS”.

 

Esta iniciativa da Xunta vénse sumar á primeira fase, impulsada en 2018, mediante a que xa se instalaron un total de 152 refuxios, con deseños para ámbitos urbanos ou rurais, en diferentes concellos de Galicia. Nesta primeira fase a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade achegoulles as marquesiñas aos concellos para a súa instalación, asumindo a súa conservación e mantemento.

 

Estas intervencións enmárcanse no Plan de mellora de refuxios de paradas dos servizos de transporte público que está a impulsar o Goberno galego co obxectivo de fomentar unha imaxe recoñecible das marquesiñas de Galicia.

 

A Xunta, tras completar o Plan de Transporte Público de Galicia, continúa traballando na modernización dos servizos e das infraestruturas do transporte para responder de xeito eficiente ás necesidades reais dos cidadáns en materia de mobilidade.