O Sergas incorpora 28 farmacéuticos de atención primaria durante o mes de maio

A actividade principal destes profesionais céntrase en mellorar a seguridade, efectividade e eficiencia do uso de medicamentos e produtos sanitarios

Con esta medida, a Xunta mantén o obxectivo de ofrecer unha atención farmacéutica de maior calidade e equidade, potenciando a capacidade desta categoría profesional ata acadar as 100 prazas

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2022

O Servizo Galego de Saúde incorporará, durante o presente mes de maio, a 28 novos farmacéuticos no nivel asistencial de atención primaria. As incorporacións lévanse a cabo de xeito progresivo e, engádense aos 72 profesionais que xa desempeñan o seu labor nos centros de saúde do Sergas.

Con esta medida, a Xunta de Galicia mantén o obxectivo de ofrecer unha atención farmacéutica de maior calidade e equidade, potenciando a capacidade desta categoría profesional, ata acadar as 100 prazas. 

De acordo a criterios poboacionais, as 28 novas prazas de persoal farmacéutico para a atención primaria destínanse: a área sanitaria de Santiago e Barbanza (8); a área sanitaria de Vigo (7); a área de Pontevedra e O Salnés (6); a área sanitaria de Ferrol (1); e a área sanitaria da Coruña e Cee (6).

A comunidade galega foi pioneira no enfoque asistencial da figura do farmacéutico de atención primaria incorporándoo ao equipo multidisciplinar dos centros de saúde. Así, a vertente clínica asistencial no Servizo Galego de Saúde, con presenza nos centros, é actualmente un modelo para seguir para o resto de comunidades.

A figura do Farmacéutico de Atención Primaria (FAP) xorde no Sistema Nacional de Saúde nos anos 80. O seu papel e responsabilidades nas distintas comunidades autónomas foron evolucionando ao longo destes anos, Con todo, a súa actividade principal céntrase en mellorar a seguridade, efectividade e eficiencia do uso de medicamentos e produtos sanitarios a nivel individual e poboacional.