A Xunta e a Fundación Vodafone recoñecen cos premios Superreto Digicraft aos centros educativos Javier Sensat de Vigo e Virxe da Cela de Monfero

A directora da Amtega e o secretario xeral de Educación, e a directora da Fundación Vodafone entregan os galardóns da segunda edición do Superreto DigiCraft no marco do I Congreso Innova Dixital da Xunta

O alumnado e os profesores de 1º e 6º curso elaboraron propostas para solucionar problemas ambientais para evitar a extinción de especies, a contaminación ou os incendios forestais

O Superreto está enmarcado en DigiCraft, o programa de competencias dixitais para a infancia e a mocidade da Fundación Vodafone, que se iniciou en Galicia e no que xa participan 174 centros, máis de 9.500 alumnos e 300 docentes
 

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2021

A directora da a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; o secretario xeral de Educación e Formación Profesional da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, José Luis Mira, e a directora xeral da Fundación Vodafone, Gloria Placer, entregaron esta mañá os premios do Superreto DigiCraft a alumnado do CEIP Plurilingüe Javier Sensat de Vigo e do CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero. A entrega dos galardóns enmarcouse no I Congreso de innovación educativa y digital DixInnova 2022, organizado pola Xunta.

O Superreto é un evento enmarcado no Programa DigiCraft de competencias dixitais de Fundación Vodafone dirixido a nenos e nenas das comunidades autónomas de Galicia, a primeira na que se iniciou o programa, Madrid e Andalucía. En Galicia xa participaron no  programa 174 centros, 9.557 alumnos y 301 docentes.

Segunda edición Superreto DigiCraft

Nesta segunda edición do Superreto DigiCraft recibíronse case 40 proxectos, todos vinculados a propostas do alumnado para solucionar problemas ambientais centrados na extinción das especies, a contaminación ou os incendios forestais. Un reto grupal no que os equipos de cada aula crearon de maneira colaborativa un invento que solucionase polo menos un dos tres problemas do planeta en formato de maqueta. Estes proxectos debían integrar o uso de polo menos un material tecnolóxico estudado durante o curso Digicraft.

Na categoría de 6 a 9 anos, o xurado outorgou o premio ao equipo de 2º do CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero polo seu proxecto “Animais en perigo mostras de sangue”. Pola súa banda, na categoría de 9 a 12 anos, o xurado decantouse polo equipo de 6ºB do CEIP Plurilingüe Javier Sensat de Vigo polo seu proxecto “Sementeiros na horta escolar”. Os dous equipos recibiron como premio, un kit tecnolóxico valorado en 300€, un trofeo conmemorativo para o centro e material promocional para a aula. Ambos os grupos participarán o próximo 14 de xuño na SuperFinal Nacional, que se celebrará na sede central de Vodafone en Madrid e á que acudirán os 10 equipos gañadores das diferentes Comunidades e, de entre eles, escolleranse aos dous equipos gañadores a nivel nacional.

Durante o acto de entrega dos premios, a directora da Amtega, Mar Pereira destacou a puxanza do sector tecnolóxico e a demanda de emprego de novos especialistas en tecnoloxías disruptivas. Neste sentido, destacou que só en 2021 o emprego no sector tecnolóxico galego creceu un 7,2% en 2021 o que supuxo a incorporación de preto de 1.400 traballadoras e traballadores. Ademais, lembrou que desde 2016 o empregou no sector tecnolóxico galego aumentou preto dun 30%.

A responsable da Axencia autonómica destacou o esforzo da Xunta en colaboración co sector para impulsar as vocacións tecnolóxicas entre os máis novos coas medidas Plan DigiTalent con actuacións dirixidas ao alumnado de Galicia, como os programas TechKids, Tecnolog@ por un día, ou o programa Girl STEAM para promover o talento feminino.

Pola súa banda, o secretario xeral de Educación de Formación Profesional, José Luis Mira subliñou o compromiso da Consellería de Cultura, Educación e Universidade coa formación do alumnado en competencias dixitais, que hoxe en día son competencias básicas imprescindibles para desenvolverse no contorno social e laboral. Neste senso referiuse á Estratexia Educación Dixital 2030, dotada con 120M€ para os tres primeiros anos, e que se articula nun conxunto planificado de accións coordinadas enfocadas ao desenvolvemento dun ecosistema educativo dixital de alto rendemento e o perfeccionamento das competencias e capacidades necesarias para acadar unha verdadeira transformación dixital nas aulas. 

A directora xeral da Fundación Vodafone, Gloria Pracer, subliñou que “con esta iniciativa, reforzamos o noso compromiso para seguir traballando para favorecer a educación en competencias dixitais desde idades temperás, apoiando a transformación dixital que necesita a nosa sociedade. Buscamos, ademais, a sensibilización dos máis novos coa súa contorna, cos problemas do medioambiente e ofrecerlles a oportunidade de pensar que poderían facer para lograr un mundo mellor”.

Imaxes relacionadas