A Xunta pon de relevo a estratexia de dinamización do sector lácteo e a súa aposta pola profesionalización mediante a mellora da xestión das explotacións e o valor engadido

José Balseiros destacou a iniciativa de Lence para o cálculo de custos nas granxas leiteiras de cara a aumentar a súa rendibilidade, na liña do que xa vén permitindo a aplicación Conta Láctea implementada polo Goberno galego no marco da Estratexia

Na súa intervención, salientou a aposta polo valor engadido do grupo lucense, afirmando que este é o camiño que deben seguir as industrias para seguir consolidando o sector lácteo galego a nivel nacional e internacional

Reiterou a petición ao Goberno central de que promova un gran acordo nacional entre todos os elos desta cadea de valor e lembrou a posta en marcha do Observatorio da cadea alimentaria galega, así como da nova unidade que asume as funcións de control
 

Lugo, 11 de maio de 2022

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, puxo hoxe de relevo a Estratexia de dinamización do sector lácteo galego impulsada pola Xunta e as medidas xa implementadas para a súa profesionalización e incremento da rendibilidade e competitividade. Foi no acto de presentación dos resultados do software de xestión das ganderías promovido polo grupo Lence, un programa que o director xeral equiparou coa aplicación Conta Láctea impulsada polo Goberno galego para aumentar a viabilidade das granxas e reforzar a posición negociadora do prezo do leite por parte dos gandeiros.  

 

Na súa intervención, José Balseiros recordou que a Estratexia do lácteo contempla medidas a prol dos produtores e industrias, pero tamén relacionadas cos mercados, coa cadea de valor e coa formación e innovación, co obxectivo último de consolidar Galicia como potencia leiteira de referencia. Nesa liña, puxo de relevo a importancia de que o elo da transformación aposte -como o está facendo, dixo, o grupo Lence- polo valor engadido, para seguir aumentando as posibilidades de chegar aos consumidores, cada vez máis preocupados por cuestións como o benestar animal ou o respecto ao medio natural.

 

No aumento desa competitividade, engadiu o director xeral, debe xogar un papel fundamental o Goberno central, ao que instou a facer os seus deberes como xa está facendo a Xunta, segundo recalcou. Así, reiterou a petición de que promova un gran acordo nacional entre todos os elos da cadea do valor do leite, igual que se impulsou en Galicia co eido da carne, para garantir a protección das explotacións e a dignificación das súas rendas.

 

En relación ao labor desenvolvido polo Goberno galego, José Balseiros lembrou que se vén de crear o Servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais no marco da Consellería do Medio Rural, para asumir as competencias de supervisión do cumprimento das obrigas en materia de información e control alimentarios -consonte ao establecido pola Lei da cadea alimentaria- malia non ter recibido por parte do Estado os medios e os fondos necesarios para facelo. Esta nova unidade compleméntase -destacou- co Observatorio da cadea alimentaria galega que tamén está xa en marcha.

Importancia do sector

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias aproveitou a súa intervención para confirmar con cifras a importancia do sector lácteo en Galicia. Cifras que reflicten que a nosa comunidade aglutina o 56% das explotacións produtoras españolas e o 40% da produción anual de leite, aínda que no caso do leite ecolóxico representamos a metade do mercado nacional.

 

Cabe engadir que a produción do sector se incrementou desde o ano 2015 en preto dun 10% na comunidade e que os valores de proteína e graxa do leite galego se sitúan por riba da media española, o que vén reafirmar a calidade do produto.

Imaxes relacionadas