A Xunta convoca máis dun milleiro de prazas de formación en idiomas para o sector turístico galego no Xacobeo máis internacional

Os cursos van dirixidos aos profesionais do sector turístico a través da súa plataforma de Teleformación e contan máis dun 20% por riba das vacantes de 2020

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2022.-

A Xunta, a través de Turismo de Galicia, pon en marcha de xeito gratuíto a oferta de cursos de idiomas para mellorar a calidade do destino e a acollida de peregrinos e turistas internacionais cun total de 1.100 prazas, un 22% máis que as 900 de 2020. A formación vai dirixida aos profesionais do sector turístico galego co obxectivo de mellorar os seus coñecementos en lingua inglesa, francesa, alemá, italiana e portuguesa.

Trátase dunha formación flexible e adaptada ao nivel de cada alumno, con 12 niveis no caso de inglés, ademais de A1 en francés e italiano, A2 e B1 en portugués, e A1 e A2 en alemán. Os alumnos poden compaxinar os cursos coa súa profesión turística ao ter dispoñibilidade horaria para facela, cun total de 12 semanas de formación, e 75 horas de formación repartidas en dous períodos de formación, un de 6 semanas de maio a xuño e outro doutras 6 semanas de setembro a outubro.

Os alumnos poderán mellorar o seu nivel de idiomas para comunicarse cos clientes, e mellorar a información nos seus establecementos en outras linguas, tanto en soporte escrito, webs ou redes sociais. Ademais, os alumnos disporán dun titor personalizado para resolver as dúbidas que o acompañará durante todo o curso.

A oferta de formación en outras linguas, ademais do inglés, realizase desde 2020, logo da conclusións do Estudo de necesidades de formación realizado nas diferentes rutas do Camiño de Santiago polo departamento de Consultoría e Formación do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), no que se determinou que a procedencia internacional nas diferentes rutas ten necesidades distintas.

As persoas que desexen participar poden facelo solicitando a súa praza ate o día 12 de maio a través de turismo.gal/formación.

Imaxes relacionadas