A Consellería de Sanidade rubricou recentemente os acordos coas asociacións Asfedro e Exalcohólicos de Ferrolterra

A Xunta de Galicia destina preto de 1,2 millóns de euros a programas de asistencia a pacientes con trastornos aditivos na comarca de Ferrol

O convenio con Asfedro, que ascende a preto dun millón de euros, incrementouse un sete por cento con respecto ao ano anterior

O Executivo autonómico achega á Asociación de Exalcohólicos de Ferrolterra unha aportación de 126.000 euros

A delegada territorial da Xunta en Ferrol lembrou que o Goberno galego pretende dar así unha resposta integral a pacientes con trastornos aditivos e ás súas familias

Ferrol, 10 de maio de 2022

A Consellería de Sanidade, a través do Servizo Galego de Saúde, formalizou recentemente dous convenios de colaboración coa Asociación Ferrolá de Drogodependencias Asfedro e a Asociación de Exalcohólicos de Ferrolterra. O apoio económico, que ascende de forma conxunta a preto de 1,2 millóns de euros, irá destinado ao desenvolvemento de programas de asistencia a pacientes con trastornos aditivos.

 

O convenio de maior contía, 996.211 euros, é o destinado a Asfedro, con cuxa directiva a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, se reuniu recentemente no marco da rolda de contactos que vén mantendo con entidades da zona. Neste caso a axuda do Goberno autonómico incrementouse un 7% con respecto ao ano anterior para prestar asistencia a persoas con trastornos relacionados con substancias e o uso de drogas.

 

Por outra parte, o convenio entre o Sergas e a Asociación de Exalcohólicos de Ferrolterra recolle unha achega do Goberno autonómico de 126.081 euros, un 16,5% máis que a do ano a anterior. A contía irá destinada ao desenvolvemento, por parte da entidade social, de programas de intervención e asistencia sanitaria a persoas con trastornos relacionados co alcohol, tabaco, xogo e outros trastornos aditivos.

 

“A Xunta pretende dar con estes convenios unha resposta integral a estes pacientes e ás súas familias atendendo a criterios, guías e procedementos establecidos polo Servizo Galego de Saúde”, explicou a delegada territorial. Aneiros tamén puntualizou que nestas colaboracións destacan a particular importancia e interese público do establecemento de actuacións conxuntas en materia de asistencia aos trastornos aditivos en Galicia, para acadar o tratamento, a incorporación social e a recuperación destes pacientes.

 

O financiamento que a Xunta vai dedicar este ano á atención ás adiccións dende equipos multidisciplinares é de 11,4 millóns. Esta cantidade supón un incremento do 4,6% respecto do orzamento de 2021.

Imaxes relacionadas