A Xunta sensibiliza en Culleredo sobre a importancia da prevención de riscos laborais nos buques pesqueiros desde unha perspectiva de xénero

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na presentación da campaña de información que están a desenvolver Xunta e Fundamar, dirixida ao alumnado de primeiro curso dos ciclos medio e superior das escolas marítimo pesqueiras de Galicia, entre as que se atopa a de Culleredo

Sinalou a importancia de que administracións e empresas traballen da man para protexer ás traballadores e traballadores do mar e conseguir unha igualdade real e necesaria neste sector

Destacou que a incorporación da muller aos buques de pesca é unha realidade, polo que apuntou a necesidade de eliminar factores de desigualdade e levar a cabo unha avaliación dos riscos laborais de xeito individualizado e adaptado ao posto de traballo e á persoa que o ocupa

Culleredo (A Coruña), 10 de maio de 2022

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe no CIFP Universidade Laboral de Culleredo nunha das quince accións de sensibilización que están a levar a cabo Xunta e Fundamar para concienciar ao alumnado das escolas marítimo pesqueiras de Galicia sobre a importancia de avaliar a prevención de riscos laborais nos buques pesqueiros desde unha perspectiva de xénero. 

A iniciativa, dirixida ás alumnas e alumnos de primeiro curso dos ciclos medio e superior, pretende promover o enfoque de xénero nas medidas de prevención acorde á crecente incorporación da muller ao sector pesqueiro. Segundo explicou Mancha, o traballo da muller nos buques de pesca é unha realidade, polo que afirmou que resulta preciso que administracións e empresas traballen da man para protexer ás traballadoras e traballadores do mar e conseguir unha igualdade real e necesaria neste ámbito. “Non debemos ter barreiras para as mulleres en ningún sector nin en ningún posto de traballo”, subliñou. Por iso, avogou por promover a eliminación de factores de desigualdade e avanzar cara unha avaliación dos riscos laborais de xeito individualizado e adaptado ao posto de traballo e á persoa que o ocupa.

Explicou que a diferente constitución física entre homes e mulleres é un factor de risco ergonómico que esixe establecer valores distintos por sexo. “Xa existen diferenzas para o levantamento e manipulación de pesos ou cargas, pero hai que telo en conta noutros factores de risco”, indicou Mancha, facendo referencia a unha das conclusións do Estudo integral con enfoque de xénero na prevención de riscos laborais e necesidades preventivas nos buques pesqueiros, que desenvolveu Fundamar coa colaboración da Consellería de Emprego e Igualdade.

Na primeira parte deste estudo identificáronse as necesidades e carencias preventivas á hora de analizar os riscos desde unha perspectiva de xénero; e nunha segunda fase determináronse as medidas e recomendacións preventivas para avanzar cara unha igualdade real e efectiva no sector.

Mancha sinalou a importancia deste estudo e para rematar destacou que é fundamental promover unha verdadeira cultura preventiva con enfoque de xénero para seguir avanzando cara a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Imaxes relacionadas