A conselleira en funcións de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, o delegado territorial da Xunta en Lugo e o director xeral do IGVS estiveron hoxe en Monforte de Lemos no marco do foro #ConstruíndoFogar

A Xunta facilitará o acceso a préstamos sen xuros para fomentar a rehabilitación de vivenda

O Goberno galego asumirá durante os primeiros anos ata o 100% do importe dos xuros, en función dos ingresos dos solicitantes, que disporán doutras condicións vantaxosas

Ángeles Vázquez subliña a importancia desta liña de incentivos, que contará en 2022 co dobre de orzamento que na convocatoria anterior e animará a propietarios particulares e comunidades de veciños a intervir sobre os seus inmobles

Monforte de Lemos (Lugo), 9 de maio de 2022.-

A Xunta de Galicia publicará proximamente unha nova convocatoria do programa de préstamos a propietarios particulares con xuros subvencionados para fomentar a rehabilitación e o fermosismo no eido residencial. Cun orzamento global de 400.000 euros destinados a cubrir os xuros —o dobre de fondos que en 2021—, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) facilitará ás familias galegas a través deste programa unha liña de financiamento en condicións vantaxosas grazas ao convenio que ten subscrito con entidades bancarias.

 

Así o anunciou hoxe en Monforte de Lemos a conselleira en funcións de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no marco dun dos encontros informativos #ConstruíndoFogar organizados polo seu departamento e cos que seguirá percorrendo diferentes comarcas galegas para dar a coñecer entre os seus potenciais beneficiarios o conxunto de subvencións en materia de vivenda que se convocarán ao longo de 2022.

 

Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e máis de 80 representantes municipais, empresarios, profesionais de distintas ramas do sector e veciños de 12 concellos da zona sur da provincia lucense, Ángeles Vázquez subliñou a grande oportunidade que suporá para Galicia a trintena de programas que xestionará a Consellería este ano, poñendo á disposición de particulares, entidades locais e promotores máis de 150 millóns de euros para actuar no eido residencial.

 

Por iso, a responsable autonómica aproveitou a súa intervención para animar aos asistentes a aproveitar estes fondos e apoiar tamén á Xunta na súa difusión, co fin de garantir que cheguen ao maior número posible de beneficiarios nesta comarca.

 

Con relación aos préstamos, explicou que o IGVS asumirá a totalidade dos xuros durante 4 anos no caso de que as familias solicitantes teñan ingresos de ata 4 veces o IPREM e que a subsidiación acadará o 80% para as unidades de convivencia con ata 5,5 veces o IPREM, neste caso, por un período de 3 anos.

 

En canto ás persoas con ingresos que se sitúen entre 5,5 e 6,5 veces o IPREM e tamén cando a solicitude a realice unha comunidade de propietarios, non se aplicarán bonificacións sobre os xuros, aínda que si disporán de facilidades na concesión do préstamo, beneficiándose, por exemplo, da exención das comisións correspondentes.

 

Incentivos compatibles coas axudas para as ARI supramunicipais

Tras incidir na aposta realizada pola Xunta nos últimos anos en materia de rehabilitación residencial, Ángeles Vázquez explicou que estes préstamos con xuros subvencionados serán compatibles con outras axudas á rehabilitación en edificios e vivendas, o que suporá un incentivo económico notable para animar a propietarios e comunidades de veciños a executar distintos labores de restauración que contribúan a mellorar o confort dos seus inmobles e remudar o seu aspecto exterior.

 

A modo de exemplo, referiuse ás ordes de subvencións para actuacións na Área de rehabilitación integral da Ribeira Sacra, á que pertencen 11 concellos desta zona e que conta para 2022 cunha dotación de 568.134,86 euros; e ás da Área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, na que se integran 7 municipios da contorna, tamén convocada e cun orzamento de 725.722 euros.

 

Por iso, a conselleira considerou estas axudas de especial interese para a área de Monforte, incidindo en que ademais dos préstamos que se prevé convocar en breve, os veciños de 11 dos 12 concellos que integran esta zona poden pedir ata o 30 de setembro unha axuda de, como máximo, 25.000 euros para rehabilitar vivendas e edificios dentro destas dúas ARI.

 

De feito, lembrou que ao abeiro das convocatorias do ano pasado repartíronse un total de 323.500 euros en axudas na zona sur da provincia de Lugo para axudar a financiar actuacións en concellos da Ribeira Sacra ou situados no percorrido do Camiño de Inverno.

 
Guía informativa á disposición dos cidadáns

Durante a súa intervención, Ángeles Vázquez animou aos asistentes a informarse sobre o amplo abano de incentivos á vivenda ao que poderán optar en 2022 e contribuír deste xeito a dinamizar o mercado residencial e a actividade construtiva nesta área lucense.

 

Pola súa parte, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, fixo unha presentación detallada dos diferentes programas que xestionará este organismo, incidindo especialmente nos requisitos de acceso, os colectivos aos que van dirixidos, as contías e os prazos de presentación, no caso dos que xa foron publicados.

 

Así mesmo, durante o encontro tamén se informou aos asistentes de que xa está dispoñible en formato dixital a guía informativa elaborada pola Xunta sobre os programas de axudas para rehabilitación enerxética no eido residencial, un documento que se pode descargar desde a páxina web do IGVS.

Imaxes relacionadas