A Xunta defende un desenvolvemento da eólica mariña compatible coa actividade pesqueira e coa preservación do ecosistema

O Executivo galego considera necesario avanzar na implantación das enerxías renovables, pero lembra a transcendencia de que a sociedade acceda a alimentos sans e de calidade, polo que tamén é preciso preservar a actividade marítimo-pesqueira

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica indica que ningún promotor pode tramitar proxectos de eólica mariña en Galicia ata que o Goberno central aprobe os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo

A Administración autonómica puxo en marcha o ano pasado o Observatorio da eólica mariña -no que está representado o sector pesqueiro- para analizar desde o diálogo, o consenso e a transparencia as oportunidades e o posible impacto da eólica mariña
 

A Coruña, 7 de maio de 2022

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, defendeu hoxe a necesidade de que o desenvolvemento da eólica mariña no litoral de Galicia sexa compatible coa actividade pesqueira e coa preservación do ecosistema. Fíxoo durante a súa participación nunha mesa redonda enmarcada na xornada A enerxía eólica mariña nas augas españolas: solución ou problema. Unha visión interdisciplinar organizada pola Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (Fremss).  

A representante do Executivo galego explicou que é necesario avanzar no desenvolvemento de enerxías renovables como a eólica mariña, que ten un importante potencial en Galicia, pero tamén subliñou a transcendencia de que a sociedade poida acceder a alimentos sans e de calidade -como se demostrou durante a pandemia-, polo que expuxo a necesidade de preservar a actividade marítimo-pesqueira.

Neste sentido, Mercedes Rodríguez sinalou que é fundamental que as dúas actividades sexan compatibles e lembrou que polo momento ningún promotor pode tramitar proxectos de eólica mariña en Galicia -e en calquera outro punto de España- á espera de que o Goberno central, a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, aprobe o documento definitivo dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM).

Nesta liña, sinalou que é importante que o sector marítimo-pesqueiro sexa parte do proceso de desenvolvemento da eólica mariña e que por iso a Xunta de Galicia creou a mediados do ano pasado o Observatorio da eólica mariña -no que están representados a Administración, a industria e o sector pesqueiro- para avanzar neste asunto desde o diálogo, o consenso e a transparencia.

Este órgano, salientou a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, debe ser o punto de encontro para identificar oportunidades e analizar o impacto que suporía a instalación de parques eólicos no mar. De feito, ao abeiro do observatorio xa se teñen activado os primeiros grupos de traballo sobre análise normativa e planificación; tecnoloxía e innovación; e impacto social.