O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, detalloulle aos representantes do colectivo a proposta autonómica, en consonancia coa conexión peonil e ciclista entre os municipios de Ames e de Santiago que demandan desde hai anos

A Xunta aborda coa Asociación Composcleta a senda entre o Milladoiro e San Caetano, que suporá un investimento autonómico de máis de 12 M€

Os técnicos autonómicos e os representantes da asociación cívica compartiron os plantexamentos xerais do itinerario, emprazáronse a avaliar posibles axustes e a seguir traballando no marco dun grupo técnico xunto cos concellos beneficiarios

O obxectivo é crear un novo eixe de mobilidade sustentable de máis de 10 km que se executará en tres treitos, conectando O Milladoiro, o hospital universitario, a estación intermodal e o complexo administrativo de San Caetano

Santiago de Compostela, 7 de maio 2022.- A Xunta abordou coa asociación Composcleta a senda proposta para conformar un eixo de mobilidade sostible, peonil, ciclista e para patinetes e bicis eléctricas, que está a impulsar para conectar O Milladoiro con Sa Caetano, en Santiago de Compostela, á que destinará un investimento autonómico de 12,4 millóns de euros.

 

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, xunto con técnicos do seu departamento, mantivo un encontro de traballo no que lles detallou a proposta autonómica a representantes do colectivo. O proxecto da Xunta está en consonancia coa conexión peonil e ciclista entre os municipios de Ames e de Santiago que vén propoñendo desde hai anos esta asociación.

 

Na xuntanza, os técnicos autonómicos e os representantes de Composcleta compartiron os plantexamentos xerais da nova senda, emprazándose a avaliar posibles axustes no proxecto autonómico e a seguir traballando conxuntamente no marco do grupo técnico acordado cos dous concellos beneficiarios, Ames e Santiago de Compostela.

 

O eixe de mobilidade sostible proposto pola Xunta conectará O Milladoiro, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a estación intermodal e o complexo administrativo de San Caetano.

Proponse habilitar unha “estrada para peóns e para ciclistas”, de novo trazado, con 5 metros de ancho, pendentes moderadas que facilitan os desprazamentos e sen practicamente interacción co tráfico rodado, o que reforzará a seguridade.

 

A Xunta propón o desenvolvemento do novo eixe de conexión en tres treitos concretos: entre O Milladoiro e a estación intermodal; desde a intermodal ata San Caetano; e a conexión co Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

 

O primeiro treito deste novo eixe partirá do núcleo sur do Milladoiro, na intersección da rúa do Rego coa rúa Filgueiras, e chegará á rúa Clara Campoamor, na estación intermodal. Terá 5,65 km de lonxitude.

 

O segundo treito da senda partirá da rúa Clara Campoamor, na estación intermodal, e finalizará en San Caetano, para completar un percorrido de 2,77 km de lonxitude.

 

En terceiro lugar, a Xunta propón unha conexión que permita alcanzar o Hospital Universitario de Santiago desde o novo eixe de mobilidade sustentable entre O Milladoiro e a intermodal, de modo que nunha distancia de 1 km desde o devandito eixe se poida chegar ata a intersección da Choupana.

 

A proposta presentada pola Xunta introduce un aspecto innovador na concepción da mobilidade en Galicia, xa que se propón unha nova infraestrutura concibida unicamente para o tránsito de peóns, ciclistas e vehículos de mobilidade persoal (VMP).

 

A intervención enmárcase nos proxectos para o fomento da mobilidade sostible que está a impulsar a Xunta nas cidades galegas e nas súas contornas, con distintas liñas de actuación como as sendas, aparcadoiros disuasorios ou a mellora de paradas de autobús, ao abeiro dos fondos Next Generation

Imaxes relacionadas