A execución do Hospital Público Gran Montecelo, en Pontevedra, continúa progresando co inicio da segunda fase das escavacións

Esta nova etapa comeza a semana na que as obras cumpren un ano e tras o desvío do gasoduto e a recente entrada en servizo das súas redes dun quilómetro de lonxitude

Na parte dos terreos sobre os que agora comezará a escavación construiranse 25.400 m2 de estrutura, repartidos en 10 andares, que son o soto, o andar baixo e 8 alturas

A preparación dos terreos executarase coa menor afección posible ao edificio actual, minimizando as vibracións e evitando voaduras, usando como na 1ª fase o medio especial de uña con sistema vibrante excéntrico de altas prestacións

Esta nova fase constitúe un fito ao intervir sobre a práctica totalidade da parcela e ofrecer xa unha visión de conxunto da magnitude desta obra hospitalaria

A Xunta continúa avanzando nas obras do Hospital Público Gran Montecelo que nesta 1ª fase supón un investimento de máis de 130 M€

As instalacións constan dun edificio dianteiro para consultas externas, outro traseiro para urxencias, o bloque cirúrxico, a UCI pediátrica ou os laboratorios e un terceiro bloque que se corresponde coa zona de hospitalización

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2022

A execución do Hospital Público Gran Montecelo, en Pontevedra, continúa progresando co inicio da segunda fase das escavacións.

 

Esta nova etapa na execución deste proxecto estratéxico comeza a semana na que as obras cumpren un ano e tras o desvío do gasoduto e a recente entrada en servizo das súas redes dun quilómetro de lonxitude.

 

O retranqueo do gasoduto fixo necesario paralizar os traballos de escavación e de estrutura na zona afectada, que a nivel de edificabilidade representa a área de maior complexidade de todo o proxecto, xa que é a máis próxima ao hospital actual e pola que se realizará a interconexión entre este edificio e o novo.

 

Na parte dos terreos sobre os que agora comezará a escavación construiranse 25.400 metros cadrados de estrutura, repartidos en dez andares, que son o soto, o andar baixo e oito alturas.

 

De igual modo que na primeira fase de escavación e en todos os traballos da estrutura, a preparación dos terreos neste punto neurálxico do futuro centro executarase coa menor afección posible sobre o edificio actual, minimizando as vibracións e evitando as voaduras.

 

Para reducir calquera tipo de alteración sobre os servizos hospitalarios, empregarase de novo o medio especial de uña con sistema vibrante excéntrico de altas prestacións, acoplada nunha retroescavadora de 60 toneladas.

 

Esta técnica foi utilizada por primeira vez na comunidade no Hospital Gran Montecelo, permitindo altos rendementos durante a primeira fase de escavación. En terreos con predominio de roca, acadáronse rendementos máximos de máis de 3.000 metros cúbicos de escavación ao día.

 

Esta nova fase constitúe un fito, xa que permite intervir sobre a práctica totalidade da parcela e comeza xa a ofrecer unha visión de conxunto da magnitude desta obra hospitalaria de referencia.

 

Para progresar nas obras, será preciso retirar e desprazar na semana do 23 de maio a liña de media tensión, supoñendo unha afección menor que a do gas natural.

Hospital Público Gran Montecelo

O Goberno galego continúa progresando nas obras do Hospital Público Gran Montecelo, cuxa primeira fase conta cunha achega autonómica de máis de 130 millóns de euros. No seu conxunto, o Goberno galego investirá 155 millóns de euros para dotar Pontevedra e a súa área dun hospital de referencia.

 

As obras en execución consisten na construción dun novo edificio hospitalario cunha superficie de preto de 92.000 metros cadrados distribuídos en 10 andares.

 

As instalacións constan dun edificio dianteiro, no que se situarán as consultas externas para os servizos de hematoloxía, medicina preventiva, cardioloxía ou dixestivo; e outro traseiro para as urxencias, o bloque cirúrxico, a UCI pediátrica ou os laboratorios. Sobre esa zona de basamento elevarase un terceiro bloque que se corresponde co edificio de hospitalización.

Imaxes relacionadas