A Xunta apoia o asociacionismo entre mulleres para dar visibilidade ao liderado e ao talento feminino

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, asistiu a un encontro das asociacións Executivas de Galicia e Mulleres no sector público para estreitar lazos e sumar esforzos na loita pola igualdade de oportunidades entre homes e mulleres

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2022 A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, asistiu hoxe ao Encontro Networking organizado polas asociacións Executivas de Galicia e Mulleres no sector público para ratificar o compromiso da Xunta coa visibilización do liderado e o talento feminino e o apoio ás entidades que traballan pola igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Perante as presidentas das entidades convocantes -Carla Reyes, de Executivas de Galicia e Concepción Campos, de Mulleres no sector público-, a directora xeral de Administración Local recordou que a Xunta leva anos traballando por unha Galicia libre de actitudes machistas e igualitaria que pon o foco no empoderamento e no emprendemento feminino tanto no sector público como no privado.

Natalia Prieto valorou a importancia de encontros como o celebrado hoxe porque permiten crear redes e sinerxías para dar a coñecer e poñer en valor o liderado feminino no eido económico e profesional, no apoio ao talento e a vocación das mulleres máis novas, especialmente no ámbito científico e tecnolóxico, e na posta en marcha de medidas de conciliación que faciliten o emprendemento feminino e a igualade de oportunidades.

Imaxes relacionadas