A Xunta sinala en Mos a importancia do Deporte base para educar en igualdade desde idades temperás

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na localidade pontevedresa na homenaxe aos equipos femininos de fútbol da Unión Deportiva Mos

A Xunta, a través dun acordo de colaboración entre a Secretaría Xeral da Igualdade e a Secretaría Xeral para o Deporte, organizan desde hai anos diferentes actividades e campañas a favor do deporte feminino e a eliminación da violencia de xénero no eido deportivo

Mos (Pontevedra), 6 de maio de 2022.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe, na homenaxe aos equipos femininos de fútbol da Unión Deportiva Mos, a importancia do deporte base para educar en igualdade desde idades temperás. O deporte, tal e como explicou López Abella na localidade pontevedresa, é un piar fundamental na construción dunha sociedade máis equitativa e igualitaria, especialmente entre a xente nova, e, por iso, sinalou que todas as galegas integrantes do deporte base son referentes para seguir avanzando cara a unha Galicia máis igualitaria.

 

López Abella puxo en valor o traballo que está a realizar a Xunta para visibilizar o deporte feminino e, neste senso, lembrou o acordo de colaboración que manteñen a Secretaría Xeral da Igualdade e a Secretaría Xeral para o Deporte para, entre outros, a organización de actividades e campañas en favor do deporte feminino e para a erradicación da violencia de xénero no ámbito deportivo. A través desta cooperación, desenvolvéronse iniciativas como Reto Galicia-Toquio coa que se contribuíu a difundir a campaña contra a violencia de xénero nos últimos Xogos Olímpicos; ou o Plan de patrocinio dos equipos de alta competición femininos de primeiro nivel estatal de Galicia.

 

Este ano, a través desta colaboración, asinouse o pasado mes de marzo un acordo entre a Consellería de Emprego e Igualdade e a Secretaría Xeral para o Deporte para que as federacións deportivas galegas contribúan á conciliación de máis de 3.200 familias a través de programas de animación dirixidos a menores de 16 anos. O Goberno estima que a iniciativa, dotada con 3,5 millóns de euros, permitirá crear máis de 370 grupos de actividades con cerca de 5.000 menores participantes. As entidades habilitarán servizos de coidado profesional en instalacións públicas, co que se contribuirá á creación de cerca de 300 postos de traballo.

 

A Consellería de Emprego e Igualdade, ademais, está a desenvolver nas redes sociais o proxecto Coñecendo ás nosas deportistas, que pretende achegar actividades, entrevistas e vídeos co obxectivo de coñecer a vida e opinións de mulleres referentes en distintas modalidades deportivas e dar visibilidade á situación da muller galega no deporte. Entre as participantes hai figuras como a futbolista Verónica Boquete, a piragüista Teresa Portela ou a deportista de vela Tamara Echegoyen, entre outras.

 

Trátase de visibilizar a situación da muller no deporte e o rol das deportistas galegas no traballo pola igualdade entre mulleres e homes en todos os campos, para eliminar estereotipos e discriminacións na sociedade.

 

Para rematar, López Abella indicou que todas estas actuacións van encamiñadas a avogar polo espírito deportivo como impulsor de valores como a democracia, a participación, a cooperación e traballo en equipo e, cun especial énfase, no esforzo pola igualdade real.