Murcia interésase polo funcionamento do centro de recuperación integral para vítimas da violencia de xénero da Xunta que atende a 245 persoas usuarias

A conselleira de Emprego e Igualdade en funcións, María Jesús Lorenzana, e a vicepresidenta murciana, Isabel Franco, visitaron hoxe as instalacións do centro ubicado en Santiago de Compostela

Na actualidade o recinto presta apoio a 116 mulleres vítimas da violencia de xénero, a 113 menores e 16 persoas con dependencia

A Xunta está a desenvolver con este recurso un modelo de atención integral baseado na coordinación de recursos de carácter social, laboral e económico
 

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2022

O modelo do Centro de Recuperación Integral (CRI) para vítimas da violencia de xénero, situado en Santiago de Compostela, está a espertar o interese da comunidade murciana. A conselleira de Emprego e Igualdade en funcións, María Jesús Lorenzana, guiou hoxe á vicepresidenta e consejera de Mujer, Igualdad, LGTBI e Política Social da Región de Murcia, Isabel Franco, nun percorrido polas súas instalacións no que puxo en valor o papel referente deste servizo na asistencia ás vítimas desta lacra.

 

O centro, que iniciou a súa andaina hai oito anos, presta servizo a mulleres vítimas da violencia de xénero, así como ás súas fillas e fillos ou persoas que dependan delas. Na actualidade o CRI conta con 245 persoas usuarias: 116 mulleres, 113 menores e 16 persoas dependentes.

 

A Xunta, a través deste recinto, desenvolve un modelo de atención integral para as mulleres vítimas de violencia de xénero, baseado na coordinación de servizos, recursos e medidas de carácter social, laboral e económico.

 

O CRI actúa ademais como centro de referencia e coordinador da Rede Galega de Aco-llemento (RGA). Nesta función colabora nas derivacións de vítimas de violencia de xénero fóra de Galicia e recibe ás que chegan á nosa comunidade. Tamén é un espazo de formación na loita contra a violencia de xénero, tanto para profesionais (sobre todo persoal dos Centros de Información á Muller e dos servizos sociais) como para o voluntariado e cidadanía en xeral.

 

O recurso de Santiago é ademais Punto de Coordinación das Ordes de Protección de Galicia e centro impulsor da creación de grupos de autoaxuda, intervención e coñecemento entre mulleres que teñan sufrido, vivido e superado situacións de violencia de xénero e para a atención dos menores que tutela.

 

Ademais deste centro coordinador, Galicia conta na actualidade con 7 recursos específicos para acollemento en violencia de xénero: 3 casas de acollida (A Coruña, Ferrol e Ourense), 3 vivendas tuteladas (Lugo, Burela e Chantada) e un Centro de Emerxencia (Vigo); todos eles intégranse na Rede Galega de Acollemento.

 

Dita rede conta nestes intres con 84 prazas e foi utilizada no pasado ano 2021 por 114 mulleres e 89 menores, que fan un total de 203 persoas.

 

A través destes recursos o Goberno galego trata de mellorar na resposta que, desde as institucións, se proporciona ás mulleres vítimas da violencia de xénero e ás súas fillas e fillos menores, ofrecéndolles un espazo de acollemento debido á situación de indefensión ou risco causada pola violencia de xénero. Trátase de garantir un tratamento integral para a súa recuperación, que abrangue aspectos psicolóxicos, educativos, sociolaborais e xurídicos, e favorece a normalización da situación persoal das mulleres, da súa unidade familiar e a superación dos efectos da violencia.

Imaxes relacionadas