A Xunta salienta o seu compromiso coas medidas que a Unión Europea impulsa para fomentar as oportunidades da mocidade

Os programas Erasmus+, o Corpo Europeo de Solidariedade ou Galeuropa son algunhas destas iniciativas coas que se promove a formación, a convivencia ou a interculturali-dade entre a xuventude

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2022

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, puxo en valor hoxe o compromiso da Xunta de Galicia coas medidas que a Unión Europea impulsa para fomentar as oportunidades da mocidade. Fíxoo esta mañá no evento Ano Europeo da Xuventude organizado pola entidade Erasmus Student Network no Salón Nobre do Pazo de Fonseca.

 

Neste sentido, Cristina Pichel explicou que esta vontade ratifícase no apoio que o Goberno galego outorga a iniciativas como o Erasmus+, o Corpo Europeo de Solidariedade ou Galeuropa, que fomentan a formación, a convivencia ou a interculturalidade.

 

Para continuar dando a coñecer a importancia das institución europeas na mellora da vida da xuventude, a directora xeral tamén subliñou a necesidade de que entidades e administración públicas continúen poñendo en marcha novas estratexias e accións. Así mesmo, sinalou que a efeméride do Ano Europeo da Xuventude, que se celebra neste 2022, é unha oportunidade para continuar mellorando os recursos, instrumentos e a información ao servizo da mocidade.

 

Por último, Cristina Pichel agradeceu a todas as mozas e mozos o seu esforzo durante a pandemia provocada pola covid-19 e recordou que é necesario seguir avanzando nos retos compartidos coas entidades xuvenís como son o emprego xuvenil, o medio ambiente ou o voluntariado.

Imaxes relacionadas