A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a actualización das tarifas aplicables aos servizos de taxi no ámbito interurbano, en vigor desde o 23 de maio

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade atende a solicitude a revisión de prezos de transporte público de viaxeiros en automóbiles de turismo, de acordo co Consello Galego de Transportes, que estaban vixentes e sen variación desde o ano 2014

 

Trátase de dar resposta á alza de prezos e de garantir a competitividade do sector, a permanencia deste servizo público esencial para os usuarios e de preservar o emprego

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2022.-  A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que se aproban as novas tarifas aplicables aos servizos de transporte público de viaxeiros en automóbiles de turismo de ámbito interurbano, que entrarán en vigor o vindeiro dia 23 de maio.

 

Deste xeito, actualízanse as tarifas nos servizos de taxi na comunidade autónoma, modificando as vixentes desde a ano 2014, sen que en todo este tempo sufrisen incremento algún.

 

Coa revisión de tarifas a Xunta dá resposta a unha demanda dos profesionais, fundamentada na alza xeneralizada de prezos, xustificándose esta actualización na necesidade de garantir a competitividade do sector, a permanencia deste servizo público esencial para os usuarios e para garantir o emprego.

 

Esta actualización nas tarifas do taxi, aplicable aos percorridos de ámbito interurbano, responde á situación provocada, primeiro, pola pandemia da covid-19 e, posteriormente, como consecuencia da alza de prezos que se vén producindo nos últimos meses, especialmente dos carburantes, que provocan neste sector profesional unha diminución da súa propia actividade profesional e unha alza significativa de custos. Estes dous feitos deron lugar á concorrencia dos supostos de excepcionalidade previstos na normativa vixente, e xustifican a necesidade de proceder a unha revisión das tarifas aplicables aos servizos de taxi.

 

A Xunta atende así á petición da Federación de Autónomos del Taxi de Galicia (FEGATAXI), organización maioritaria no sector, que estima necesaria a revisión de tarifas.


2014
2022

Vehículo con TAXÍMETRO(3)

TARIFA
TARIFA
 
Valor do paso
0,05 €
0,05 €
 
Metros por salto
45,45
41,67
 
Segundos por salto
12,35
11,25
 
Metros primeiro salto
3000
3.000
 
Tempo primeiro salto
815,37
743
 
Mínimo de percepción
3,30 €
3,60 €

Vehículo sen TAXÍMETRO

 TARIFA
TARIFA
 
Prezo por km recorrido
1,10 €
1,20 €
 
Prezo por hora de espera
14,57 €
16,00 €
 
Mínimo de percepción
3,30 €
3,60 €
 

Tempos de espera (por fracción de 15 minutos)

3,64 €
4,00 €
 

Cómpre sinalar, que ao igual que na Orde do 23 de xuño de 2010, as referidas tarifas son aplicables aos servizos prestados de luns a sábado laborais, entre as 6:00 horas e as 22:00 horas, aplicándoselle un suplemento do 20% aos prestados os domingos, festivos, ou en horario comprendido entre as 6:00 e as 22:00 horas, así como o 24 e o 31 de decembro.

 

Na aplicación destas tarifas cómpre ter en conta que a percepción mínima cubrirá os primeiros 3 kms de percorrido, en servizos sen taxímetro, e subsumirá os saltos correspondentes de distancia e tempo, de forma que tan só a partir da distancia ou do tempo correspondente ao primeiro salto comezarán a computarse os pasos sucesivos, en vehículos provistos de taxímetro.

 

Igualmente, en canto ao tempo de espera, mantense a previsión de que a persoa usuaria terá dereito a dispoñer gratuitamente dos primeiros 15 minutos da primeira hora de espera.

 

A orde da Xunta publicada hoxe recolle o detalle das tarifas actualizadas, cuxa información pode consultarse no seguinte enlace ao DOG: https://bit.ly/3sgbaoi