A Xunta apoia dous programas de atención integral impulsados por Albores no ámbito da saúde mental

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que a entidade de Monforte de Lemos contou coa colaboración da Consellería de Sanidade para promover accións de acompañamento no fogar e de inserción sociolaboral

Ata o 11 de maio está aberto o prazo de solicitudes da nova convocatoria da liña de achegas para entidades que traballan no eido da saúde mental, dotada con 800.000 euros

Monforte de Lemos (Lugo), 5 de maio de 2022

A Consellería de Sanidade colabora co colectivo Albores Saúde Mental de Monforte de Lemos no impulso de dous programas de atención integral no eido da saúde mental na Zona Sur da provincia de Lugo.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou hoxe as instalacións acompañado do xerente da área sanitaria, Ramón Ares -entre outras persoas - para coñecer o traballo da entidade, que o ano pasado se beneficiou de 25.000 euros a través das axudas destinadas á realización de iniciativas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito da saúde mental.

Un dos programas desenvolvidos por Albores consiste nun servizo de axuda no fogar para favorecer que as persoas que sofren este problema adquiran autonomía na súa vida cotiá e poidan permanecer no seu entorno habitual. Estímase que esta medida tivo máis de 30 beneficiarios, entre os afectados e os familiares. No ano 2020 a asociación levou a cabo 728 intervencións no marco deste plan.

A segunda acción busca facilitar a inserción sociolaboral deste colectivo, con actividades que incrementen as súas posibilidades de atopar e manter un emprego. Para iso prográmanse obradoiros individuais e grupais que abordan cuestións como as habilidades precisas para buscar traballo; e tamén se fai acompañamento en entornos normalizados de emprego e formación.

Nova convocatoria

A través da convocatoria de 2022, a Xunta de Galicia destina 841.177 euros a financiar os programas que desenvolven as entidades sociais sen ánimo de lucro do eido da saúde mental. O prazo para presentar solicitudes está aberto ata o 11 de maio.

Nesta ocasión, a Xunta de Galicia adianta en tres meses a convocatoria con respecto ao ano pasado para facilitarlles aos beneficiarios a execución dos fondos. Ademais, anticipará o 100% da subvención no momento da notificación da concesión.

Arias destacou que nesta edición mantense unha liña diferenciada para o desenvolvemento de programas de prevención do suicidio, que se incorporou por primeira vez o ano pasado. De feito, este aspecto constitúe unha das prioridades marcadas polo Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024.  

No marco deste Plan, estendeuse a rede de unidades de atención á saúde mental na sanidade pública galega. En concreto, na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos púxose en marcha unha unidade de prevención do suicidio e cóntase con psicólogos clínicos de enlace de primaria e hospitalaria. E este mesmo ano porase en funcionamento un hospital de día infanto-xuvenil en Lugo.

Imaxes relacionadas