A Xunta recibe 9 ofertas para redactar o proxecto básico e de execución das obras do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa

O contrato, licitado por importe de 475.023 €, consta dun prazo de 4 meses para entregar o proxecto básico e 5 para ultimar o proxecto de execución

O novo centro, cuxas obras se estima suporán un investimento de 10,21 M€, contará cunha superficie construída de máis de 5.000 m2 e aumentará nun 55% a superficie do actual

Esta intervención é froito da colaboración entre a Consellería de Sanidade e o Concello, sendo a Consellería de Infraestruturas a encargada da súa execución

O centro prevé 17 consultas de medicina xeral, 17 de enfermaría, 5 de pediatría e 5 de enfermería pediátrica ou 2 farmacia, matrona, odontoloxía ou fisioterapia, entre outras
 

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2022

A Xunta recibiu 9 ofertas de empresas para a redacción de proxecto básico e de execución e dirección de obra do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa.

 

O contrato, licitado por importe de 475.023 euros, consta dun prazo de 4 meses para entregar o proxecto básico e 5 meses para ultimar o proxecto de execución, unha vez que o proxecto básico sexa informado favorablemente.

 

O orzamento inicial para a execución das obras do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa é de 10,21 M€, investimento da Xunta que quedará determinado no proxecto de execución que é obxecto do contrato.

 

A construción do novo centro de saúde nesta localidade disporá dunha superficie construída de máis de 5.000 metros cadrados, que ampliará nun 55% a superficie do actual, o que vai permitir unha importante ampliación de espazos.

 

O Plan funcional previsto prevé tres consultas de medicina xeral ata chegar ás 17, catro consultas máis de enfermaría, ata as 17 tamén; unha consulta máis de pediatría e dúas máis de enfermería pediátrica, ata chegar a cinco de cada. Terán, tamén, dúas consultas en lugar dunha das áreas de: farmacia, traballo social, matrona, odontoloxía, hixienista dental ou fisioterapia.

 

Ademais, o centro terá cinco consultas de docencia onde hoxe só hai unha e incorpóranse áreas como a sala de illamento, a consulta do programa da muller, a sala pediátrica integral, as cabinas de tratamento e vestiarios do ximnasio de fisioterapia ou consultas médicas e de enfermaría para que poidan acudir especialistas do hospital.

 

Este proxecto enmárcase no convenio asinado en xaneiro entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Vilagarcía. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade será a encargada de licitar e executar as obras, seguindo a encomenda da Consellería de Sanidade

 

Os terreos dispoñibles para a construción do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa sitúanse na avenida da Mariña e foron terreos portuarios da antiga comandancia que poderán ser postos a disposición da Xunta grazas a un protocolo asinado entre Xunta, Concello e Autoridade Portuaria.

Cómpre lembrar que o centro de saúde de Vilagarcía de Arousa é un dos contemplados na fase 0 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado en outubro de 2021 polo Consello da Xunta de Galicia, e que recolle 51 actuacións de construción ou reforma en centros de saúde de toda Galicia.