Ethel Vázquez informa ao alcalde de Moraña da licitación este verán da renovación de beirarrúas na PO-226, cun investimento da Xunta de 310.000 euros

Melloraranse as beirarrúas nun treito de 300 metros, desde a intersección coa PO-221 e o quilómetro 5+600 da estrada PO-226, adecuándoas á normativa de accesibilidade

Tamén se renovarán os servizos de abastecemento, saneamento e pluviais e soterraranse as liñas de telecomunicacións e electricidade

Rehabilitarase o firme dos carrís de circulación e dotarase de nova iluminación o treito de actuación

A conselleira e o alcalde acordan impulsar a execución dunha nova senda na PO-221 no lugar de Soar, ao longo de 200 metros, nunha zona próxima de acceso á escola infantil de San Lourenzo e na que hai unha parada de autobús
 

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, informou ao alcalde de Moraña de que a Xunta prevé licitar este verán as obras de renovación de beirarrúas na estrada PO-226, cun investimento autonómico de 310.000 euros.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade mantivo un encontro co alcalde, José Cela, no que lle trasladou que o proxecto xa está redactado e actualmente en fase de supervisión, o que permitirá iniciar a contratación dos traballos este verán, previsiblemente no mes de xullo.

 

A actuación consiste na renovación das beirarrúas nun treito de 300 metros de lonxitude, desde a intersección coa PO-221 e o quilómetro 5+600 da estrada PO-226, deterioradas polo esgotamento da vida útil do pavimento, que se renovarán e adecuarán á normativa de accesibilidade.

 

Segundo explicou a conselleira, a intervención inclúe a renovación dos servizos de abastecemento, saneamento e pluviais, así como o soterramento das liñas de telecomunicacións e electricidade.

 

Ademais, rehabilitarase o firme dos carrís de circulación e dotarase de nova iluminación o treito obxecto da actuación.

 

No encontro, a conselleira e o alcalde tamén acordaron impulsar o proxecto dunha nova senda para peóns na estrada autonómica PO-221 no lugar de Soar.

 

Trátase de habilitar un itinerario ao longo de 200 metros da vía, nunha zona pola que transitan os rapaces e na que tamén hai unha parada de autobús.

 

A nova senda peonil permitirá que os nenos, que agora transitan pola beiravía para ir á escola de educación infantil San Lourenzo, poidan facer os seus desprazamentos de xeito máis cómodo e seguro.

Imaxes relacionadas