O I Congreso de Innovación rural desenvólvese ata mañá no pazo de Xerlís, no concello pontevedrés da Estrada

A segunda xornada do 'Spin Rural' avalía a innovación vinculada á mocidade, á produción agroalimentaria e ao sector forestal

Analizaranse proxectos promovidos pola Xunta, coma o leite de pastoreo ou o impulso ao mel da nosa comunidade, xunto con outros da iniciativa privada e empresarial

O congreso pode seguirse a través da realidade virtual mediante vídeos 360 en Youtube e nas redes sociais

A Estrada (Pontevedra), 5 de maio de 2022

A apertura do espazo de encontro, como zona de negocios “espontánea” na que se proxectan os perfís e proxectos participantes no Spin Rural, marcou esta mañá o inicio da nova xornada do I Congreso Internacional de Innovación no agro galego que se desenvolve no pazo de Xerlís, no concello pontevedrés da Estrada.

O programa de hoxe inclúe unha nova conversación “doutro planeta” na que se analizará a dicotomía que se lles presenta ás persoas mozas diante do “metaverso”, no que están plenamente integradas, por un lado, e no mundo rural, que non semella tan atractivo para este colectivo.

Nesta mesa redonda participou Inés Santé, directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, como experta en aldeas intelixentes; Ramón Suárez, mentor cibernético e CEO de iVigo Business Space; José Santiso, empresario rural; Daniel Suárez, CEO e fundador de Zapiens e Paraísu Startup e Xabier Paz, director de Finca Enxebreza. O evento -como todos os que se celebran dentro deste Spin Rural- foi moderado por Helena Díez-Fuentes.

Sector agroalimentario

A mediodía terá lugar un novo “catering experiencial” baixo o título “a innovación aliméntase de inspiración”. Tratarase de dar un pequeno bocado ás startups que están innovando no sector agroalimentario. Así, amosarán as súas experiencias a empresa Refix -que comercializa unha bebida de recuperación feita cun 20% de auga de mar alcalina do océano Atlántico- e a corporación Healthinfoods, que deseña, desenvolve e fabrica ingredientes funcionais e produtos innovadores para a industria alimentaria.

Ademais, tamén participará Roberto Lorenzana, director xerente do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), que falará sobre o proxecto de Leite de pastoreo en Galicia, que promove este centro en colaboración coa Xunta. E María Ester Ordóñez, presidenta da Agrupación Apícola de Galicia e de Mel de Galicia, exporá o proxecto startup “identificación de marcadores para garantir a calidade e autenticidade do mel de Galicia”, no que tamén participa a Xunta.

Xa polo tarde, o papel protagonista dentro do Spin Rural será para Sargadelos. Así, Sara Méndez, directora de Deseño desta empresa, intervirá no espazo de “conversacións doutro planeta” para explicar que pasa cando se xuntan unha industria tradicional (a cerámica), a innovación tecnolóxica (a impresión 3D) e o sector primario (a pesca). Ademais da representante de Sargadelos, participarán tamén Miguel Ángel Fernández, responsable do proxecto Repair (impresión 3D), Sergio López, xerente da OPP Porto de Burela (organización de produtores pesquerios de Lugo) e Idoia Cuesta, artesá de cestaría contemporánea.

Eido forestal

A continuación, desenvolverase outra mesa redonda centrada no forestal. Baixo o título de “saúde polos montes!” diferentes expertos abordarán a innovación en relación coa xestión dos montes. Intervirán os directores xerais de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, así como Jacobo Feijoó, secretario xeral da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), Alberto Cerrillo, co-fundador de Vexiza e Venancio Salcines, presidente do Comité de marca de Pino de Galicia.

O programa desta xornada no Spin Rural completarase co “catering experiencial” titulado “a arte de abrir unha boa idea”. Nel, o sumiller Pedro T. Sestayo, presidente da Asociación Gallaecia, actuará como mestre de cerimonias dunha cea na que participarán diferentes perfís da Xunta, entre eles o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos. O Spin Rural será clausurado mañá a mediodía polo conselleiro do Medio Rural, José González.

Este evento pode seguirse, na súa integridade, en formato de realidade virtual mediante vídeos 360 en Youtube, no enlace https://www.youtube.com/watch?v=DYznLlozYbo. Asemade, tamén está dispoñible nas redes sociais: en twitter e en Instagram, no enderezo @Spin_Rural. A maiores, toda a información sobre o congreso pode consultarse na seguinte web: https://www.spinrural.com/home-ga.html.

Imaxes relacionadas