A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou a antiga escola unitaria e un lavadoiro no lugar de Lubre, que serán obxecto destas melloras

O Goberno galego inviste case 40.000 euros en actuacións de corrección de impactos paisaxísticos en edificios públicos e equipamentos no concello de Ares

Martina Aneiros destacou o éxito da convocatoria de 2022, pois a Consellería de Medio Ambiente ampliou o crédito inicial esta mesma semana, e avogou por seguir apostando por “instaurar a cultura do fermosismo e a humanización”

Ares (A Coruña), 5 de maio de 2022

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de notificar aos concellos galegos a concesión das axudas para actuacións que permitan corrixir e mellorar o aspecto exterior de vivendas, edificios e equipamentos públicos municipais deteriorados. Un dos beneficiarios desta convocatoria é o Concello de Ares ao que a Xunta concedeu apoio económico por valor de preto de 40.000 euros para a execución de dúas actuacións.

 

A delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, acompañada do director do Instituto de Estudos do Territorio de Galicia, Enrique Salvador, e o alcalde de Ares, Julio Iglesias, visitou hoxe as dúas infraestruturas obxecto de rehabilitación situadas en Lubre, un entorno de alto valor patrimonial do municipio. Por unha parte, a antiga escola unitaria onde se renovará a fachada exterior coa aplicación dun chapado de pedra granítica pulida. O apoio económico da Xunta para esta actuación será de 20.000 euros ao cargo da Liña 1 da convocatoria, a destinada a edificios municipais.

 

A escasos metros atópase un lavadoiro, baixo a rasante da vía pública, para o que tamén se propón un chapado en pedra granítica tanto dos muros como dos piares do peche. Procederase á demolición das celosías prefabricadas de formigón e substituiranse as varandas por outras de madeira. Tamén se realizará un solado de pedra das mesmas características que as empregadas nos paramentos verticais, incluída a escaleira existente, á que se lle engadirá unha nova varanda de aceiro. A axuda do Goberno autonómico, neste caso corresponde á Liña 2, para equipamentos e elementos etnográficos, é de 14.000 euros.

 

“Falamos de axudas para que os Concellos -tamén hai convocatoria para particulares- reduzan os impactos paisaxísticos dalgunhas construcións, apostando por pequenas intervencións estéticas nos edificios e equipamentos públicos dar unha nova imaxe a estas construcións e, sobre todo, protexelas e conservalas”, explicou Martina Aneiros.

 

A delegada territorial que avogou por seguir apostando por “instaurar a cultura do fermosismo e a humanización”, lembrou que as actuacións subvencionables deberán adaptarse ou ben aos criterios fixados na Guía de cor e materiais de Galicia, ou ben aos da Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística dos valados.

No conxunto de Galicia, a Xunta concedeu unha axuda -ou ata dúas nalgún caso- a 42 concellos galegos, por un importe global de 800.000 euros, o 100% do crédito consignado a esta orde de incentivos. De feito, esta mesma semana a Consellería publicaba a Resolución pola que se ampliaba en 200.000 euros o orzamento da convocatoria inicial (600.000 euros e publicada en xaneiro).

 

Convocatoria de 2021, a primeira

Cómpre lembrar que o ano pasado a primeira convocatoria das ordes de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos, tanto para particulares como para Concellos, saldouse con máis de medio milleiro beneficiarios que recibiron subvencións por un importe total de 2 millóns de euros e permitiron intervir en 222 municipios galegos.

 

En vista do éxito da primeira convocatoria, a Xunta decidiu convocar de novo este ano ambas liñas de subvención no marco da súa aposta polo fermosismo e para garantir unha integración harmónica entre as construcións urbanas, tanto públicas como privadas, e a contorna paisaxística.

Imaxes relacionadas