A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu esta tarde á actividade sobre innovación no mundo dixital que tivo lugar en Santiago

A Xunta achega á mocidade alternativas de ocio formativo a través dos 'Encontros e Networking nos campus universitarios'

Profesionais de diferentes eidos como a comunicación, o medio ambiente ou a educación emocional imparten charlas á mocidade na Coruña, Ourense, Santiago de Compostela e Vigo ao abeiro do programa Primavera Xove

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2022

A Xunta de Galicia organiza, un mércores máis, os Encontros e Networking nos campus universitarios ao abeiro do programa Primavera Xove. Esta actividade, á que asistiu esta tarde a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, en Santiago de Compostela, busca ofrecer espazos seguros e informais para que as mozas e mozos poidan desenvolverse persoal e profesionalmente impulsando a convivencia e a rede de contactos.

 

Esta tarde celebráronse catro actividades no marco desta iniciativa: na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus da Auga de Ourense púxose en marcha unha charla centrada no medio ambiente e a sostibilidade; na Sala Social da Sede Fundación Once da Coruña falouse de educación emocional; na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo de Vigo a actividade xirou arredor do talento mozo; E na Praza do Seminario de Estudos Galegos de Santiago de Compostela a influencer e emprendedora Natalia Maquieira (@pasoapasoblog) e a estudante e técnico de ciberseguridade en dooingIT, Helena Castro, falaron de innovación e innovadores no mundo dixital.

 

A través desta iniciativa gratuíta, a Xunta de Galicia busca ofrecer alternativas de ocio formativo e responsable que poidan ser complementarias ao currículo académico das mozas e mozos. Tamén ten como obxectivo traballar habilidades e capacidades necesarias desde o ámbito da educación non formal para o seu desenvolvemento persoal e profesional.

 

Estas xornadas, que se celebrarán tamén ao longo das primeiras semanas de maio, están dirixidas principalmente a universitarios, aínda que se pode inscribir calquera moza ou mozo de entre 18 e 30 anos. Pódese obter máis información sobre o programa nesta ligazón.

Imaxes relacionadas