A Xunta relanza a campaña 'Vai de peixe' para mostrar aos 'millennials' con persoeiros relevantes das redes sociais os beneficios de consumir produtos do mar

A conselleira do Mar en funcións e o conselleiro de Sanidade en funcións participaron na presentación desta iniciativa para promocionar os produtos do complexo mar-industria de Galicia e axudar a crear hábitos de vida saudables entre a poboación de 18 a 35 anos

Esta acción estrea canle de Tik Tok e seguirá a difundir receitas fáciles e informacións sobre os produtos do mar tanto na web Vai de peixe como nos seus perfís de Facebook e Instagram coa colaboración de coñecidos influencers como Xurxo Carreño, María Mera, DonkeyCool e Engaliciamorate, entre outros

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2022

A Consellería do Mar relanzou hoxe a campaña Vai de peixe, destinada a impulsar o consumo de produtos do mar e da acuicultura entre as mozas e mozos de 18 a 35 anos -os coñecidos como xeración millennial- a través das redes sociais, a principal canle de comunicación desta franxa de idade. Así, nun acto celebrado esta mañá no Centro de Investigacións Biolóxicas (Cibus) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, destacou a importancia desta iniciativa á hora de promocionar os produtos do complexo mar-industria de Galicia e axudar a crear hábitos de vida saudables a través do seu consumo.

“O noso reto pasa por tratar de cambiar os hábitos de consumo dos máis novos, xerar unha maior concienciación e axudarlles a levar unha vida máis sa na que os produtos do mar sexan habituais na súa dieta”, destacou a responsable autonómica nun evento no que tamén estivo presente o conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña.

A titular de Mar en funcións destacou que a campaña Vai de peixe foi creada pola Xunta de Galicia en 2019 e constitúe unha iniciativa pioneira a nivel nacional xa que é a primeira campaña de España destinada especificamente a impulsar o consumo habitual de peixes e mariscos entre os coñecidos como millennials e a xeración Z, un segmento de poboación que se atopa en plena fase de formación profesional e/ou emancipación e que comeza a estar especialmente concienciado cunha nutrición equilibrada e sa.

Pola súa banda, o titular de Sanidade en funcións destacou que esta iniciativa se aliña coas que está a desenvolver a Dirección Xeral de Saúde Pública para promover os hábitos de vida saudables entre a poboación moza galega, como é o caso de Xanela aberta á familia.

Con ese obxectivo, a iniciativa conta con diferentes accións que se basean en difundir receitas sinxelas e informacións sobre os produtos de pesca na web de Vai de peixe e, sobre todo, nos seus perfís de Instagram, Facebook e, como novidade neste relanzamento, Tik Tok. Para iso conta con varios persoeiros públicos -influencers- que actúan como embaixadores da campaña e orientan á mocidade na compra e no cociñado dos peixes e mariscos, amosándolles a versatilidade gastronómica destes produtos a través de xogos, contidos de humor ou retos.

O acto desta mañá de Santiago de Compostela contou coa presenza dalgúns destes protagonistas como a propia presentadora, a actriz María Mera; o cómico Xurxo Carreño; e as influencers Patricia García (@Donkeycool) e Fanny Pena (@Engaliciamorate).

Ao relanzamento da campaña tamén asistiron importantes representantes da gastronomía e da sanidade galegas. A chef Lucía Freitas, que conta cunha estrela Michelín no seu restaurante A Tafona, e o cardiólogo do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), Guillermo Aldama, puxeron en valor a calidade dos peixes e mariscos galegos e os seus beneficios para unha alimentación equilibrada e sostible.

Pirámide de consumo

Os últimos datos de consumo mostran que a compra de produtos do mar nos fogares españois medrou en 2020 e que o perfil dos consumidores é o da franxa de entre 50 e 65 anos. A conselleira do Mar en funcións mostrou a súa confianza en que campañas coma esta dirixidas á xente nova contribúan a reverter a pirámide de consumo e que, pouco a pouco, sexa a xuventude a que se sitúe na cúspide do consumo de peixes e mariscos.

A iniciativa Vai de peixe enmárcase dentro da campaña máis ampla GALICIA SABE AMAR de promoción dos produtos do mar de Galicia. Esta acción global pretende poñer en valor a calidade dos peixes e mariscos galegos, o que contribúe a que acaden mellores prezos e permite agradecer o importante esforzo que realizan os profesionais do mar no seu día a día incluso ante adversidades recentes como a alerta sanitaria polo coronavirus ou os problemas de rendibilidade polo encarecemento dos combustibles.

Ao igual que Vai de peixe, a Consellería do Mar ten outras accións de promoción dirixidas ao público infantil como Ti si que es un bo peixe ou Fai clic ao teu bocata, que tamén foron renovadas recentemente e que desde a súa posta en marcha en 2010 chegaron a arredor de 160.000 nenas e nenos de Galicia.

Imaxes relacionadas